Ante unha malfadada crise de reféns, o goberno do Estado non parece ter estado moi feliz nas estratexias seguidas, nin nas diplomáticas, nin nas militares, nin nas informativas. Para nada axudaron tampouco as luminosas ocorrencias da maxistratura, nin o sempre pulcro traballo de oposición do Partido Popular que, por boca de Soraya Sainz de Santamaría, parece decidido a facerse cun lugar destacado na historia universal da infamia.
Como eran poucos a fozar sen proveito no asunto, o noso eficaz presidente Núñez Feijóo decidiu sacar peito e tomou unha primeira decisión para blindar a súa imaxe –suspender unha viaxe promocional a Florida–, aínda que di que só o move o seu desexo de estar a carón das familias dos 8 mariñeiros galegos. E unha segunda para reclamar protagonismo: esixe que un representante da Xunta se sente no comité de crise.
Segundo Feijóo: «Non é posíbel exercer o autogoberno nunha comunidade cando hai galegos implicados e non ter información de primeira man». O presidente argumenta: «Temos dereito a dar a nosa opinión e a informar aos galegos.» De la Vega xa dixo que se estudará a petición.
O noso presidente xa quedou como un rei, arroupado por unha postura sensata. Moito mellor quedaría se a defendese hai un mes con igual ardor mediático e con maior convicción política; agora chega moi desvalorizada e ten fasquía de ser unha posturita. O presidente pérdese en posados e marra nos tempos de reacción.
Compárese co que fai Pachi López. Curto e pego de El País: «O lehendakari pediu onte ás autoridades xudiciais que estuden a posibilidade de devolver aos piratas encarcerados en España ao seu país ou a outro da zona, como Quenia, "para que sexan xulgados alí". Tras reunirse coa ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, o presidente vasco asegurou que o traslado podería facerse "dentro da máis absoluta legalidade"». Uns buscan solucións; outros, que buscan?
As negociacións para a liberación da tripulación do Alakrana comezaron en Quenia hai uns días. Os expertos din que, en situacións así, as familias pensan co corazón e os secuestradores co peto. De actuar con fría e estrita racionalidade, os piratas poden amagar o que queiran pero sería absolutamente prexudicial facer mal ningún aos mariñeiros; nada gañarían e perderíano todo: non lograrían o diñeiro do rescate, nin a liberación dos seus, serían obxecto dunha acción militar de represalia e darían azos ás políticas de tolerancia cero coas súas actividades por parte dos estados veciños cos que, a día de hoxe, se contrabandean complicidades.
Todo indica que os secuestradores provocan esta escalada de tensión para forzar unha resolución máis rápida e máis rendíbel. A súa estratexia pasaría por avivecer os terrores das familias como un elemento desequilibrante e multiplicar, co estado de alarma, a presión sobre as autoridades para lograr a liberación dos piratas detidos e para afrouxar máis a bolsa. O manual de racionalidade indica que esta sería a conduta que máis os beneficia pero a marxe para a irracionalidade é, con todo, inmenso.
É máis doado saber como poden pensar os piratas que saber como pensa saír desta o goberno. Tamén é ben dificultoso determinar se o Partido Popular pensa, ou se pensa unicamente en que, con tal de erosionar ao PSOE, todo vale. O goberno á parte de gobernar esta difícil situación, debe tamén render contas e informar con transparencia. A oposición... Nada, mellor imos deixalo.
A falta de entendemento de goberno e oposición indican unha cativeza de miras políticas que provoca pavor e tristeza e fannos acredores das palabras que Eça de Queirós dedicou ao seu país:
Em Portugal não há ciência de governar nem há ciência de organizar oposição. Falta igualmente a aptidão, e o engenho, e o bom senso, e a moralidade, nestes dois factos que constituem o movimento político das nações.Chegado a este punto, un só confía en que o armador, co mellor dos sentidos, puxera o asunto en mans de negociadores profesionais que estean a facer caladamente o seu delicado traballo de mediación, sen ningún outro interese que a rápida liberación dos mariñeiros secuestrado e o seu feliz retorno cos seus.
Sem comentários:
Enviar um comentário