Pasei a derradeira semana de abril, o mes máis cruel que mestura memoria e desexo, nun non-lugar do Sur Global. Entre outras ignorancias, o silencio informativo imposto pola ausencia de xornais, radios ou tv entendíbeis ou unha internet accesíbel impediume saber á súa hora da morte de Charles Tilly.
Hoxe, entre retallos virtuais atrasados, dou cun artigo no que se fai memoria do sociólogo norteamericano lembrándonos que «Chuck [Tilly] ensinaba aos seus estudantes e colegas que a crítica implacábel necesariamente debe vir acompañada, cando menos, da insinuación dunha solución ou dun camiño alternativo.» Unha suxestión que debería formar parte do libro de estilo de toda proposta de pensamento crítico.
Houbo un tempo en que moitos para desempoeirarnos intelectualmente frecuentabamos as súas obras sobre a acción colectiva, os movementos sociais, as transformacións revolucionarias ou a formación dos Estados-nación. Hai un libro seu que ten, para miña idea, un dos títulos máis engaiolantes das ciencias sociais contemporáneas –Grandes estruturas, procesos amplos, comparacións enormes–, no que fai unha intelixente discusión, crítica e radical, das herdanzas intelectuais do pensamento evolucionista do século XIX. Nalgures, entre os restos do meu naufraxio lector, agarda vez a súa monografía Violencia colectiva. Unha boa homenaxe, a súa lectura.
Internet crea redes que dan liberdade pero tamén pode armar un tramado para abafarnos. Na enxeñaría da seguridade nacional e na xestión dos medos cidadáns todo o que cae na rede é peixe, é dicir, un pretexto (s)útil para fanar liberdades.
Mike Davisreflexiona sobre os novos vixiantes virtuais: «O control real sobre os movementos da xente non precisa tanto de muros, canto de tecnoloxía. É esa unha esfera na que creo que os EEUU están máis avanzados a punto a crear unha sociedade de vixilancia total. Perry, o gobernador de Texas, autorizou a instalación de cámaras en áreas fronteirizas de tránsito habitual, as súas filmacións poden verse en directo desde Internet. Así, creou vixiantes virtuais. [...] Internet convértese nunha ameaza para a liberdade, porque pode contribuír a que todos nos convertamos en vixiantes, en opresores, en cárcere dos outros: todos somos agora carceleiros que ollan os movementos dos demais.»
Un mundo de malpocados irmanciños controlados polo Grande Irmán é terríbel. Un mundo de irmanciños que gastan a súa liberdade vixiando a liberdade doutros irmanciños en substitución do Gran Irmán é dobremente aterrador. A vella sentenza «Homo homini lupus» reeditada por un ameazante e-Leviatán é a máxima desta renovada distopía.
En Servabo. Memoria de final de século,Luigi Pintor ofrécenos poucas e afinadas letras para reconstruír unha biografía callada de firmes compromisos e décadas de mesta historia. Considerado por Berlinguer como a pluma «máis brillante e aguda» de Italia, Pintor traballou, entre 1945 e 1965, en L’Unitae foi fundador, en 1969, de Il Manifesto do que será director en diferentes etapas. Un post de Brétemas sobre a lectura en pantallas e as sabidas recomendacións de acoutar os textos a esas mínimas e máxicas duascentas palabras faime lembrar a testemuña minimalista de Pintor: «Durante anos apliquei á escritura as técnicas meticulosas que se usan nun teclado. Recortaba e limaba os meus escritos publicados no xornal: interminábeis resumos de discursos alleos e tímidas probaturas personais, descubrindo que de tres liñas sempre hai unha que sobra e chegando á conclusión de que dúas páxinas (como aínda sosteño) son suficientes para esgotar calquera argumento. Agora penso que practiquei unha profesión e un tipo de existencia moi diferente do que me propuxera. Dúas páxinas acumuladas cada día no curso dos anos, como os novelescos peixiños de ouro colombianos, forman unha pila dunha altura semellante a 12.000 follas de calendario, un longo fragmento de vida.»
A canibalización do líder é a estratexia dominante no debate do Partido Popular. É fundamental paparlle apoios ao único candidato proclamado para ocupar a súa presidencia. Roer até deixar só os ósos limpos de Mariano. O retruque do obamaniano «Si, podemos» por un esmagador «Con Mariano non hai maneira» alenta as achegas deconstrutivas de Aguirre, Elorriaga e outros correlexionarios de afiados dentes e fames atrasadas.
Cada trabada mingua o futuro político de Rajoy que en mala hora se propuxo deixar de ser un «continuísta sen complexos» do aznarismo para recuperar o PP como proxecto de centro-reformista. Liquidar o catastrofismo como materia do labor opositor e a anatemización do diálogo cos nacionalistas como marco de imposíbeis alianzas estratéxicas representa un programa de reformismo (demasiado) forte que é agremente cualificado como liquidacionismo polos canibalizadores.
Ao PP, entregado aos apetitos desbocados de Hannibal Lecter, iríalle mellor se atendese á recomendación de Edmund Burke: «Ningún grupo pode actuar con eficacia se falta o concerto; ningún grupo pode actuar en concerto se falta a confianza; ningún grupo pode actuar con confianza se non se atopa ligado por opinións comúns, afectos comúns, intereses comúns.» Xa, pero ese fígado sanguento de Mariano resulta tan apetitoso... Ñam, ñam.
ZP-169 fixo público o WW do Goberno de España. Ofrece novidades na composición, estrutura, equilibrios e nomes. Presenza maioritaria de ministras (9 sobre 17) ou simple paridade se contamos ao presidente; novos binomios/trinomios para acción gobernamental (Educación, Política Social e Deporte; Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño; Ciencia e Innovación; Traballo e Inmigración) algúns con vocación de política estratéxica e outros como socorridos caixóns de xastre; visibilización do poder das filiais que suman votos (PSC, PSA...); e nomes para dar corpo a continuidades sabidas (De la Vega, Solbes...), agardadas (Rubalcaba, Moratinos, Cabrera), inquietantes (Álvarez, Salgado, Bermejo) ou insubstanciais (Soria, Molina). Tamén meteóricos ascensos (Chacón, Espinosa), campo novo para apostas (Garmendia, Corbacho, Aído, Corredor); un premio especial á lealdade (Sebastián que ademais suma dúasministras da súa confianza) e dúas ausencias: unha abraiante (Caldera) e outra coñecida con notábel antelación para non ferir xerarquías nin sensibilidades (Blanco), ambos os dous, segundo os rexoubes capitalinos, aspirantes ao ministerio de Fomento.
Caldera, vítima exquisita de Lakoff
Non é doado determinar se no equipo de Zapatero –segundo os saberes de Ignacio Bao– pesan máis os rainmakers que os starsmakers ou viceversa; pero non por iso deixa de ser rechamante que a saída de Jesús Caldera sexa explicada pola súa notábel capacidade para coordinar grandes equipos. Alén diso, o novo destino de Caldera é un bo indicador de que Zapatero se tomou moi en serio as recomendacións de George Lakoff e que no PSOE é unha prioridade a ideación e o deseño de novos proxectos para o partido e para o goberno.
Na encomenda de crear unha Gran Fundación para estar na vangarda das ideas e na innovación das propostas políticas ecoan as chamadas de atención feitas en Non penses nun elefante:
«Non é casual que os conservadores vaian gañando alí onde enmarcaron con éxito as cuestións máis importantes para eles. Lévannos entre trinta e corenta anos de vantaxe. E máis de dous millóns de dólares de investimentos en think tanks. E seguen pensando a longo prazo. Os progresistas, non. Os progresistas séntense tan amolados polos conservadores que só poden pensar nunha defensa inmediata. [...] Teñen que responder cada día ás iniciativas conservadoras. Sempre é igual: «Que podemos facer hoxe para quitárnolos de enriba? O que conduce a políticas reactivas, non proactivas.»
Á diferenza da dereita, a esquerda non pensa estratexicamente. Nós pensamos cada cuestión por separado. En xeral, non tratamos de averiguar que cambio mínimo podemos promulgar para que produza efectos sobre varias ou moitas cuestións.»
«Os progresistas teñen que considerar tamén a integración das cuestións importantes. Isto é algo no que a dereita é moi pero que moi astuta. Saben moito de iniciativas estratéxicas Unha iniciativa estratéxica é un plan no que un cambio nunha área de cuestións ben elixidas produce efectos automáticos en moitísimas outras áreas.»
«A dereita sabe falar de valores. Nós temos que falar de valores.»
O panel de intelectuais que reuniu con grande éxito mediática para abeirar programaticamente a campaña electoral de Zapatero identifica o adn básico da Gran Fundación, o libro de Lakoff é un sinxelo manual de instrucións de por onde empezar a pensar. Jesús Caldera dedicará o próximo ano e medio a crear o novo enmarcamento ideolóxico do PSOE para tentar evitar que unha boa parte da cidadanía siga pensando en clave FAES, e exercerá, na sombra, como ministro de Fomento de Ideas. Débello case tanto a George Lakoff como ao seu amigo José Luís Rodríguez Zapatero.
En Canciones allende lo humano Riechmann formulou un principio ético fundamental: hai que tratar aos demais como un fin en si mesmo e non como medios para os nosos propios fins. Outro principio que lle gusta lembrar apóiase nunha luminosa cita de John Berger e Nella Bielski: «Un debe chamar polo seu nome a todo o que ve. Nunca se deben ignorar as consecuencias. Esa é a única posibilidade de enfrontarse á barbarie. Ver as consecuencias». As persoas como fin en si, e as persoas como elas mesmas e as súas consecuencias. Sobre esas consideracións constrúese un esixente código ético e de conduta emancipatoria.
Riechmann non lle ten medo ás palabras fortes e exprésase con claridade: «Creo que un socialismo do século XXI debe seguir ancorándose nos valores básicos de sempre: igualdade, liberdade, democracia en canto autogoberno, e engadir o valor básico de sustentabilidade ecolóxica.» Outra declaración súa que é toda unha declaración de guerra: «O capitalismo é unha orde social caníbal, e eu aspiro a deixar de devorar aos meus semellantes.»
A Riechmann préstalle vitalmente unha máxima que atopou nunha carta que Giner de los Ríos enviou en 1906 a José Castillejos: «Esperar ben pouco e traballar coma se esperásemos moito».
Cazatalentos
Ten 42 anos. Declarase liberal e católico. Casado e con dous fillos. É un dos cazatalentos de maior sona mundial. Chámase Ignacio Bao e naceu en Vigo. Ama os riscos e non lle escapa ao perigo. Ten afeccións inalcanzábeis para a maioría dos mortais: cazar feras e conducir automóbeis de custes millonarios. Como todo headhunter trafica coas capacidades e habelencias doutros.
Unha nómina de 260 présas en trece anos de oficio ao servizo de financeiros, avogados e consultores acreditan un grao de excelencia dificilmente discutíbel. A intelixencia operativa cotiza, sábeo ben, Bao calcula os seus beneficios cunha simple fórmula: a empresa que ficha ao talento págalle unha cantidade equivalente a un terzo da primeira retribución completa anual do talento, cun teito de 250.000 euros. Certificando o que cobran as pezas capturadas –«Pechei operacións nas que o talento foi fichado por un millón e medio de euros anuais»– seguro que é doado atopar milleiros e milleiros de présas dispostas a participar neste tentador safari mercantil.
Bao vive atento ás novas necesidades do mercado: «O clásico era buscar rainmakers, pero agora cotízanse máis os starmakers: o primeiro é quen logra que sucedan cousas, o segundo é quen sabe crear equipos brillantes.» Facedores de chuvia (de cartos?) ou de estrelas (de ouro?), Bao ten as ideas ben claras: «Por suposto que a xeración de negocio segue sendo vital pero o que importa agora é a capacidade de dar servizo continuo ao cliente no tempo a través do desenvolvemento do talento entre as persoas do equipo, non máis xogadores individuais que se anoten os éxitos. O que importa é que a xente este motivada por traballar para alguén que teñan como maior ambición desenvolver ao seu equipo, é dicir capaz de desenvolver estrelas, un xenuino starmaker».
Canto de proveitoso sería un debate entre Reichmann e Bao...
Son moitos os que cren que a visualización da soidade do presidente Zapatero no cumio da OTAN xustifica un despido inmediato dos seus asesores de imaxe e do seu xefe de protocolo.
A fotografía é demoledora pero o vídeo aínda o é moito máis. Préstanse a un uso fácil polos adversarios e non é doado retrucar positivamente o horror vacui que coroa a súa expresión grave, desvalida e orfa de cariño.
O illacionismo foi a fórmula dos gobernantes norteamericanos para conducir a súa política exterior até a Grande Guerra. Nun mundo turbulento isolarse era un bendición para a Republica Continental dos Estados Unidos. Na actualidade, se es un Estado mínimo e de consecuencias intrascendentes, podes ficar pracidamente á marxe de todo e mesmo autoproclamarte un dos derradeiros paraísos; pero na era da globalización, a centralidade nas alianzas e facerse nodo nas redes é vital para calquera Estado e máis aínda se te andas chufando no mercado interior das autoestimas como oitava potencia mundial.
Hai mesmo quen di que o poder máis importante dos Estados é hoxe en día o seu poder relacional, moito máis relevante que as súas capacidades decisionais e executivas. Nas canchas de fútbol ese principio foi revelado xa hai tempo polo estratega Valdano que nos obrigou a pensar o xogo en termos de asociación. Un xogador é mellor canto maior é a súa capacidade de asociarse a outros. Dos actores internacionais dísenos que lle ocorre outro tanto. A política como partenariado ou a capacidade relacional do Estados é un valor en alza e non só na construción das politicas sociais e do benestar.
Como lle gusta sinalar a G. Búster, Rodríguez Zapatero prefire a xestión en frío, ou o que é o mesmo, é excelente nas xogadas a balón parado, pero as súas prestacións no xogo colaborativo son infinitamente menores.
Na truculenta política interior salvouse grazas ao talento dos industriais da imaxe que nos venderon canto poideron o seu talante dialogante, conciliador e aperturista. Tras o 11-M, a lembranza negra do Aznarato e a autocondena do Partido Popular ao ostracismo facilitaron espectacularmente o éxito da mercadotecnia do talante, mais a ruptura da tregua e a voadura da T-4 levouse por diante o bambismo como imaxe da nova política. Cando se trata de sumar, Zapatero non rende tanto.
O PSOE gañou as eleccións do 9-M e, aínda que o novo escenario non se rematou de montar, todo parece indicar que persiste esa fraxilidade estratéxica para chegar a acordos reais cos outros. Ás dificultades para sumar apoios na formación da mesa do Congreso e na elección do Bono, engadíronse as negativas para desconxestionar o Grupo Mixto. Os negociadores bateron cun PSOE inaccesíbel, convencido de que pactar é dar mostras de debilidade e que está obsesionado por non ceder fronte aos nacionalistas nin a outra esquerda un plano de visibilización política.
Enrocados nunha maioría absoluta imaxinaria están convencidos de que poden aguantar a turrada confiando unicamente nos seus apoios parlamentarios. A ficcionada maioría constrúese sobre a imposibilidade das demais forzas políticas para pechar acordos co Partido Popular. O PSOE prómetese unha lexistura feliz como resultados da correlación de debilidades e imposibilidades que ancora ás demais forzas políticas.
Os estrategos máis elásticos de Ferraz cren que neste momento toca firmeza e despois transacción, que no debate dos orzamentos de 2009 haberá que facer abondosas concesións e que por iso agora hai que blindar o cofre e pechar o micro aos que están chamados a ser futuros socios.
Os máis ríxidos cren que frear a espiral reivindicativa dos nacionalistas é o único vieiro practicábel para lograr dentro de catro anos a maioría absoluta: hai que gobernar con amplísima autonomía, transferir os custes dos posíbeis votos de castigo ás forzas que sumen os seus votos ao Partido Popular e seguir achicándolles espazos ás forzas minoritarias escenificando grandes consensos co PP. Na súa opinión o grande éxito das eleccións foi impoñer o imaxinario bipartidista e crebar a capacidade condicional de Euscadi e Cataluña na gobernabilidade do Estado. Crése en Ferraz que coidar dese logro e non dar marcha atrás é o principal activo do PSOE.
Os comunicadores filosocialistas insisten en que o acontecido no Cumio da OTAN foi simplemente un espellismo. Un dito dos ashanti advírtenos que non se debe preguntar ao cazador que tal lle foi se o ves regresar con cogumelos. Zapatero volveu de Bucarest con cogumelos e agárdanlle moitos máis cogumelos no Congreso dos Deputados.
Quizais en política exterior Zapatero non estea tan só como aparenta, pero non deberan extraviarse, na política interior está moito máis só do que os dirixentes do PSOE realmente cren. E deberían coidarse de tanta soidade estratéxica. É unha excelente ocasión para que Valdano se pase pola Moncloa e poida expoñer a súa doutrina da asociación. Iso ou a seguir cazando máis cogumelos.
Casa grande é sempre mala de gobernar. A estas alturas Mariano Rajoy debe estar batendo coa mesma conclusión á que chegou o shérif Ed Tom Bell: «Gobernar aos bos custa moi pouco. Pouquísimo. E aos malos non hai modo de gobernalos. Ao menos que eu saiba.» Rajoy debe demoler unha idea solidamente asentada –o PP non é un partido para os cambios– e recuperar o espírito reformista do XIII Congreso do Partido Popular de 1999, pero ambas as dúas operacións nin son doadas nin garanten, de entrada, mellores réditos electorais.
O noso paisano saldou as contas maiores co pasado e, se noutrora non tivo pena ningunha para presentarse como un continuísta sen complexos, agora non lle queda máis remedio que sumarse ás teses dun conservadorismo dinámico para introducir cambios no seu partido e no seu discurso. Rajoy sabe que desta volta non poderá zafar cunha dose de transformismo gatopardiano e que terá que facer algo máis. Non basta con atender á melodía que a orquestra do Titanic sigue tocando en pleno naufraxio, pero outros cantos de serea achegan tamén poucas certezas e esperanzas.
En A actitude conservadora, Michael Oakeshott tira algunhas conclusións respecto da disposición das persoas conservadoras fronte aos cambios que son inevitábeis:
A innovación implica unha perda segura e unha ganancia probábel.
Mentres máis se pareza a innovación ao crecemento menos posibilidades haberá de que acabe predominando a perda.
A innovación que vén corrixir un defecto puntal e se deseña para compensar algún desaxuste específico é máis desexábel que a alentada por unha noción de melloramento xeral ou por unha visión de perfección.
Preferirá as pequenas e limitadas innovacións ás grandes e incertas e o ritmo lento ao rápido, para poder así deterse a observar os efectos que se producen e axustar o que proceda.
Estimará que a ocasión máis favorábel para a innovación é aquela na na que o cambio proxectado terá máis probabilidades de axustarse ao que pretende e menos de rematar corrompido polas consecuencias non buscadas e non controlábeis.
A guía de navegación de Oakeshott non está mal, pero tamén neste caso todo depende do estado da mar, da tripulación, do ben estivada que estea a carga reformista e do volume de lastres necesarios para dar estabilidade identitaria á nave. Segundo as certezas de todas as nais do mundo, o máis peor de todo son as malas compañías. E a Mariano non lle faltan malos, peores e pésimos compañeiros de viaxe. Polo de pronto, Rajoy a diferenza de Ulises non pediu que o atasen ao mastro, aliviouse de ataduras anteriores e parece decidido a pilotar os cambios.
Con todo, podemos adiantar unha primeira conclusión para o tránsito do Partido Popular cara ao seu XVI Congreso atendendo ao aforismo de Woody Allen: «A leoa e o cordeiro durmirán xuntos, pero o cordeiro durmirá ben pouco».
Andrés Neuman nunha substanciosa achega –El equilibrista– reúne unha presada de brillantes sentenzas e agudos microensaios. O autor valida que, tamén no que lle toca ao rexistro literario e filosófico, levaba razón E. F. Schumacher. O pequeno, á maiores de ser fermoso, pode ser dobremente intelixente.
Os aforismos de Neuman destilan ironía («Escribide mal e chamaranvos rupturistas»); felices paradoxos («A antítese sálvalle a vida á tese»); burlas brancas («Ciencias ou letras? Eu pensaría no ou») e pretas («Ao finar o pescador porá boca de peixe»); xunto con variadas formas do saber («A imaxinación completa a verdade»); utilitarios consellos («Puntúo como respiro; respiro como puntúo») ou certificacións demoledoras («Rematar unha obra é unha proeza. A única maior é comézala»).
El equilibrista é unha excelente mostra da idea que Neuman ten da literatura: «Hai cando menos dúas formas de concibir a literatura: como se fose unha porta (un van que cruzar) ou como un cuarto (un lugar de residencia) [...] Máis que ser un lugar habitábel, para min a literatura cumpre a función das portas. Mesmo existen portas tan amplas que poden inventar cuartos.»
Sabemos ben que unha cousa é abrir unha porta e outra cousa distinta convidar a entrar. Neuman convida a entrar e mesmo a afincarnos pracenteiramente na súa breve literatura.
Co inicio do camiño de volta, malas noticias: chaman para facerme saber da morte de Agustín Díaz. Hai pouco que engadir ás palabras de Pereiro, tan só deixar testemuño de que fun beneficiado pola súa agarimosa veciñanza no Belvís dos oitenta e pola súa sabia camadería na maioría das aventuras políticas nas que se ilusionou a miña tribo. A poucos días dunha última conversa para falar de amigos comúns, do devalo da RTVE-G e das expectativas electorais da política do país. Demasiado tarde para lle dicir todo o que lle debemos algúns da miña quinta. Aínda fresca a lectura das memorias que Mia Couto dedicou a outro xornalista desaparecido: «Para ele o jornalismo era apenas un instrumento para criar e divulgar pensamentos [...] Não havia denúncia fácil nen a arrogância de ter opinião sem estudar primeiro. [...] Era, sobretudo, a saudade de uma utopia em que nos sonhávamos donos de nós, sem ter que mendigar no mundo a migalha da nossa sobrevivência. [...] Era un vigilante de uma coragem e inteligência raras. [...] Era un dos melhores de nós.» Mia Couto non o coñecía mais tamén falaba de Tincho.
O quinto aniversario do inicio da guerra de Iraq cólleme lendo un ensaio de Adan Kovacsics, saído do prelo de Acantilado, que se titula Guerra y lenguaje. No capítulo que dá título ao volume, Kovacsics reconstrúe o tempo intelectual que saudou o estourido da Grande Guerra e a emerxencia dunha nova actividade literaria posta ao servizo da maquinaria de guerra que tivo na creación do Cuartel de Prensa de Guerra do Imperio Austro-hungaro o seu momento fundacional. A súa razón de ser era, como nos lembra Kovacsics, que «a guerra era un produto, que non só necesitaba de operarios nas fabricas ou soldados na fronte ou directivos nos andares superiores ou mandos nos cuarteis, senón tamén publicistas.»
O campo de acción do Cuartel de Prensa de Guerra non eran outros que «a propaganda, difusión de fazañas militares, reforzamento da moral da tropa e da poboación» e, sobre todo, ofrecer directrices positivas á prensa. En palabras do fundador do Cuartel, o comandante Maximilian von Hoen, «a prensa do país necesita directrices permanentes para desenvolver unha actividade produtiva. Non basta con censurala, o cal non é agradábel. Debe ser guiada nun sentido positivo.»
Tempo de guerra en que, segundo Karl Kraus, «as plumas se mergullan en sangue e as espadas en tinta» e nos que toda comunicación fai da mentira a súa pedra angular: «A mentira é na guerra ou unha borracheira ou unha ciencia. Esta é a máis prexudicial para o organismo.»
Das moitas ricaces reflexións do ensaio de Kovacsics, recupero dúas. Primeira: «Chama a atención, nos prolegomenos da invasión de Iraq, a énfase na decisión, por unha banda, e a pobreza nos argumentos e palabras, por outra.» E segunda: «Aínda que media un abismo entre os manifestantes contrarios á inminente guerra de Iraq e os entusiastas e fervorosos patriotas que se agolpaban ante os escaparates da Neue Freie Press na Viena de 1914, algo os irmanda. Cidadáns ou súbditos, o certo é que a decisión respecto á guerra ou á paz non a toman eles, senón que se adopta noutro lugar. A corrente que conduce á determinación ou, mellor dito, á decisión flúe por outra parte, por outras bocas e mans.»
Ambas as dúas obrígannos a enfrontar unha pregunta incómoda: eles maniféstanse igual de decididos a iniciar novas guerras con idéntica falta de verdade e argumentos, pero estamos hoxe os cidadáns en mellores condicións que hai cinco anos para interferir, condicionar ou anular a corrente que toma a decisión da guerra ou da paz?
No kit aconsellábel para desenferruxar ideas e relativizar as políticas convencionais pode incluírse Repensar a política na era dos movimentos e das redes, obra que é resultado dos esforzos do Colectivo Política en Rede que reúne a 40 investigadores-activistas e activistas-investigadores ao abeiro do Transnational Institute (TNI).
O Transnational Institute (TNI) é unha rede descentralizada de investigadores e activistas de países do Sur, Europa e dos Estados Unidos que ten por obxectivo crear e promover a cooperación internacional para analizar e buscar posíbeis solucións a problemas globais como o militarismo, a extensión da pobreza e marxinación social e a degradación ambiental, a maiores de reflexionar sobre os retos da democracia, o futuro dos Estados e os partidos políticos, e o papel que desempeñan na creación de novas políticas democráticas as coalicións das organizacións sociais locais e globais.
A pretensión do TNI é desenvolver «unha visión política alternativa á ofrecida polas teorías políticas e de desenvolvemento convencionais, coa perspectiva de superar os modelos tradicionais socialdemócratas e da esquerda».
Como inicio da análise cada un dos membros do Colectivo Política en Rede explicitou os principios que consideraba máis importantes para reinventar a organización política. A seguir unha manchea deles, algunha reflexións en termos de política en primeira persoa, outras para os instrumentos colectivos.
Christophe Spehr: «Sinceridade na política, por suposto, pero tamén na organización, nas relacións político-persoais. Polas nosas veas corre demasiada táctica. Tendemos a pensar que debemos agochar os nosos obxectivos, as nosas estratexias, os nosos problemas, e que non poderemos triunfar se os expomos abertamente. Pero a realidade é totalmente distinta. A xente está farta das organizacións políticas que só din bobadas. Todo o mundo sabe que son bobadas. [...] Parece que á esquerda lle resulta especialmente difícil ser sincera.»
Alessandra Mecozzi: «A transformación non se pode alcanzar cun único actor. Necesitamos unha pluralidade de actores coa capacidade de converxer en problemas comúns e, ao mesmo tempo, estar arraigados no seu propio terreo social. Para ser transformadores, é necesario estar aberto aos demais; estar arraigado pero sen unha identidade pechada.»
Joan Subirats: «Hai outro desafío que consiste en como transformar as institucións sen ser absorbidos por elas. É dicir, en como manter a súa capacidade transformadora construíndo alternativas (disidencia), opóndose directamente a novas tendencias autoritarias (resistencia) e apreciando a capacidade de influencia que existe dentro das institucións (incidencia). Seguramente, non é necesario que unha persoa, unha organización ou un colectivo intenten facer estas tres cousas simultaneamente.»
Judy Rebick: «Non só o persoal é político, senón que o político é tamén persoal. Debemos combater as nosas propias tendencias a ser dominantes ou submisos, a ser dogmáticos ou dóciles, a ser pechados ou sectarios. [...] Con todo, debemos entender este cambio persoal como algo necesario para ser máis eficaces e igualitarios no noso traballo.»
Pódense ler máis e sería aconsellábel pensar en facer algo semellante aquípara reflexionar (doutro xeito) sobre o que temos esvaradizamente entre as mans.
Hai 125 anos que finou ese señor barbudo ao que lle debemos tanto. Sobre a súa achega, Manuel Vázquez Montalbán deixounos unha estampa esclarecedora: «Marx e o marxismo son dúas cousas diferentes. Marx non é un profeta. É un constatador. Constata unha situación determinada, e ponlle unha linguaxe da súa contemporaneidade. Ao parecer a esquerda ten que pedir perdón por seguir constatando que existe a loita de clases.»
A autopsia da malfadada noite electoral de Mariano Rajoy, que hoxe publica Jaime E. Cúe en El País, finaliza co anuncio que Ernest Shackletonsupostamente publicou nos xornais británicos solicitando voluntarios para a súa expedición antártica. Un desesperanzado aviso de recrutamento que vale para quen decida acompañar a Mariano Rajoy na súa viaxe cara ao centro-reformista. «Procúranse homes para unha viaxe perigosa. Soldo baixo. Frío extremo. Longos meses de absoluta escuridade. Perigo constante. Non é certo volver con vida. Honra e recoñecemento en caso de éxito.»
A expedición cara ao sur antártico do Endurance que capitaneaba Shackleton converteuno nun modelo de liderado para situacións de imposíbeis supervivencias. Bloqueado preto da costa antártica na baía de Vahsel, entalado na banquisa, tras 281 días a presión do xeo rematou por esnaquizar o seu navío, obrigando aos 28 membros da expedición a realizar unha épica viaxe en zorra polo xeado mar de Weddell e logo en bote até a illa Elefante, no arquipélago das Shetland do Sur, e desde alí á illa Xeorgia do Sur. Shackleton non perdeu nin un só home nos tres anos que durou a súa expedición. Un prodixio de iniciativa, intelixencia, resistencia e teimosía.
Existe unha abondosa literatura que, a partir da experiencia da expedición trasantártica de Shackleton, tira proveitosa leccións para a dirección empresarial ou política; Dennis Perkins, por exemplo, resumiu as dez estratexias de Shalckleton:
Nunca perda de vista a última meta e concentre a súa enerxía en obxectivos a curto prazo.
Dea exemplo persoal con símbolos e condutas visíbeis e fáciles de recordar.
Inspire optimismo e autoconfianza, pero aférrese á realidade.
Coide de si mesmo: manteña a súa resistencia e déixese de complexos de culpa.
Reforce constantemente a mensaxe de grupo: somos un e viviremos ou morreremos xuntos.
Minimice as diferenzas de status e insista na cortesía e o respecto mutuo.
Domine o conflito. Manexe o enfado en doses pequenas; atraia aos disidentes e impida loitas de poder innecesarias.
Atope algo que celebrar e algún motivo co que rir.
Estea disposto a asumir o Gran Risco.
Nunca abandone, sempre hai outro movemento.
Non sei se Rajoy, mesmo atendendo todas e cada unha das recomendacións de Shackleton, será quen de levar a bo porto a Gran Transformación do Partido Popular. En calquera caso, xa deu un gran paso adiante ao seguir o sabio consello de Winston Churchill: «O éxito non é definitivo, o fracaso non é fatídico. O que conta é o valor para continuar». O que aíllequeda.
O actual código de circulación electoral semella prohibir calquera xiro á esquerda. Moitos dos analistas do 9-M subliñan que o electorado esvarou de modo xeneralizado cara a posicións máis moderadas e votou opcións situadas á dereita das súas preferencias políticas. Entre antigos electores de IU ou ERC, o voto útil ao PSOE verifica o seu desprazamento pragmático cara a postulados ideoloxicamente máis mornos, algo que acontece tamén nos segmentos máis radicais da esquerda volátil acantoados noutrora na abstención. Votantes propios do PSOE tamén exerceron o seu voto aceptando esa deriva dereitizante xa que o programa de Zapatero 2.0 está moito máis centrado que o de Zapatero 1.0. Pola súa parte, a estratexia do Partido Popular renunciou hai tempo ao centrismo reformista que abandeirou en 1996-1999 e procurou a fidelización dunha base electoral que, ao longo de catro anos, macerou regresivamente nun caldo ultraconservador. Presentouse e obtivo os seus votos argumentándose como unha dereita alén da dereita. O desprazamento electoral de votantes de EA ao PNV ou do PNV cara ao PSE, ou de ERC cara a CiU obedeceu tamén a un estímulo político de moderación. A única excepción serían os electores de Unión Progreso y Democracia, apegados a transversalidade do novo españolismo, que proviñan do PP, xa que os que votaron ao PSOE en 2004 tamén xiraron nas súas preferencias cara á dereita.
O termómetro do CIS Os CIS gasta abondosos esforzos demoscópicos para fixar a temperatura ideolóxica do votante estándar do Estado español determinando o seu autoposicionamento nunha regra do 0 ao 10, onde 0 é a posición de máxima esquerda e o 10 a da dereita máis extrema.
Desde 1996 a 2008 é posíbel identificar seis fases. [1] 1996-2000: Xiro acusado á dereita. Prodúcese unha crecente dereitización do votante medio pasando dun 4,79 ao 5,1 en xaneiro de 2000. Durante o goberno, en minoría parlamentaria, do Partido Popular, a autolocalización ideolóxica do votante estándar virou do centro-esquerda ao centro-dereita sobardando a divisoria do 5.
[2] 2000-2003: Moderación centrista. Sinálase un retorno ao valores medios de principios de 1996 –4,79–, un aggiornamento moderado como consecuencia da instalación do PP nunha cómoda maioría.
[3] Xiro moderado á dereita. De xaneiro de 2003 a finais do verán de 2004 documéntase unha etapa de moderada dereitización que leva ao votante estándar a achegarse aos valores promediais do período 2001-2003 ao redor de 4,9.
[4] Outono 2003–marzo 2004: xiro acusado á esquerda. O votante medio xira decididamente cara ás posicións de centro-esquerda. Son os tempos que van desde o Nunca Máis ás mobilización contra a guerra de Iraq e as mentiras do 11-M. O votante autositúase no verán de 2004 nun 4,60, desde 1996 o votante medio nunca foi máis de centro-esquerda que neste momento.
[5] Marzo 2004–verán 2006: Reequilibrio cara ao centro-dereita. Desde a toma de posesión de Rodríguez como presidente vaise producir unha moderada dereitización que nunca acadará os valores dos periodos anteriores, cifrándose sempre por debaixo do 4,8 con oscilacións cara ao centro-esquerda que nunca caen por debaixo do 4,65.
[6] Outono 2006–xaneiro 2008: xiro á dereita. Desde o outono de 2006 apúntase unha tendencia xeral á dereitización pasando dun rexistro de 4,65 en outubro de 2006 a un de 4,80 en xaneiro de 2008, unha tendencia que cabalga co fracaso do proceso de paz en Euscadi e que se activa intensamente a partir da voadura da T-4 en decembro de 2006.
Haberá que agardar a que o CIS nos entregue os datos do último trimestre para saber se o triunfo do PSOE se produciu co compás ideolóxico do votante medio mirando cara á dereita (cara ao centro-dereita) ou virando cara á esquerda (cara ao centro-esquerda).
O futuro xa está aquí. Importamos o máis peor das campañas electorais made in USA. Presidencialismo forzado e reforzado. Xogo político sometido a un permanente trastorno bipolar. Debates en paralelo, sen converxencia, e con axendas altamente selectivas. Mobilización de medos máis que de valores, ou o que é máis extremo: conversión do medo nun valor electoral central. Importancia crecente das políticas coactivas e reactivas fronte ás políticas propositivas e proactivas. Paquetes de medidas estrelas que se impoñen aos programas mediante a mercantilización das ofertas electorais. Ao contrario do hip-hop na confrontación electoral o menos importante é a letra, a música é a que manda.
Triunfo do soporte audiovisual sobre a prensa papel, acelerado avance cara unha sorte de videocracia. Os novos formatos falan do esmorecemento da política de cara a cara e da prima dunha política unidireccional, sen retornos. Algúns medios ofrecenmaiores posibilidades democráticas e a política na rede aínda non desequilibra o conxunto en favor dunha maior ligazón, interrelación e participación. Ao que parece as urnas acabarán converténdose en receptáculos para sumar os silencios dos cidadáns e non as súas voces.
Consolídase a fenda gobernantes e gobernados ou entre políticos e cidadáns ao tempo que se consagra o papel dos medios audiovisuais como nexos fundamentais da relación. A política de proximidade e de encontro pertence ao pasado, a política de plató é o presente e o futuro. Política participasiva, asentada nos electores como consumidores, e campañas electorais cun final moderadamente interactivo: co voto podes alterar o final non o argumento nuclear, non podes cambiar os actores, nin os diálogos nin o escenario tan só fica o consolo de poder elixir entre un the end ou outro. Iso ou apagar a caixa boba democrática e absterse.
Quizais aínda leve razón Sartre e o campo do posible sexa máis amplo do que a realidade nos permite sospeitar. Quizais haxa marxe abondo para ensaiar unha política entre iguais, P2P, unha política novamente personalizada e instalada democraticamente no cara a cara. Unha política de compromisos directos, de complicidade cidadá, non como alternativa global á política mediática, si cando menos como un necesario elemento corrector. A xente do Partito Democratico en Italia anda ensaiando algunhas políticas de proximidade das que deberiamos coidar tamén na fronteira oeste de Europa.
Josep Segú asegura que «simplificación, esencialismo e primitivismo son as características que percorren de punta a punta o carril central da arte do século XX». Simplificación, esencialismo e primivitismo valen tamén como elementos caracterizadores do vieiro medular do xogo político do Estado que nos deitaron as eleccións do 9-M.
A dinámica é sofisticada, complexa e posmodernista nas estratexias e as formas, pero os resultados que se procuran son simples, esencialistas e primitivos. Simples, as grandes decisións defínense nun xogo binario: elixes 0 ou 1; esencialista: apoias retroceso ou avance nunha redución esencial de conservadorismo e progresismo; primitivismo porque só quere determinar o dominio sobre o territorio do exercicio do poder e os recursos de autorreprodución no poder, sen que haxa aspiración ningunha a crear novos nichos de poder nin a socialización participativa dos poderes de sempre, ou como dicía do Manuel Azaña: «O que é certo é que, da política, o que me interesa é mandar.»
Ao Estado con dúas marcas abóndalle para ateigar os andeis mediáticos do hipermercado político; complexidade, pluralidade, socialización, proxecto de cambio son produtos de dificultosa distribución e consumo electoral, se non que llo pregunten aos fabricantes doutras ideas que se van citar obrigatoriamente no Grupo da Mestura e aos que ficaron fóra do escaparate democrático.
Dicía Winston Churchill que «un fanático é alguén que non pode cambiar de opinión e que non quere cambiar de tema». ETA deixounos onte unha mostra dramática do seu fanatismo extremo, nin cambio de opinión (o terror como medio lexitimo) nin cambio de tema (a minoría iluminada como condutora da vontade cidadá). O asasinato de Isaías Carrasco evidencia ademais a pretensión de ETA de forzar un cambio de opinión violentando a decisión cidadá do 9-M e que só aspira a converterse, mediante a violencia, no tema central do debate político. Ao terror de Atila opoñemos a nosa liberdade. Na nosa man está condenar á inutilidade os seus sanguentos esforzos evitando que torzan o camiño que xa tiñamos decidido. Somos nós e non ETA quen decide.
Se Leonardo Sciascia fose galego, tería feito un delicioso libro sobre laicismo, librepensamento e xustiza tomando como materia histórica o proceso penal de 1880 contra Curros Enríquez. En 2001, Benito Montero Prieto ocupouse da composición documental e de desenvurullar o tramado xudicial que fixo que Curros tivese que dar conta nos tribunais dos seus versos.
Entendeu Manuel Mella Montenegro, xuíz de instancia de Ourense, que os versos de Aires da miña terra contiñan aldraxes e burlas a Deus e ao Papa e eran constitutivos dun delito contra a liberdade de cultos segundo o artigo 240 do Código Penal daquela vixente.
A sentenza de Mella Montenegro, do 4 de agosto de 1880, condenou a Manuel Curros Enríquez á pena de 2 anos, 4 meses e un día de prisión correccional e 250 pesetas de multa con arresto substitutorio de 1 día por cada 5 pesetas non pagadas, coas accesorias de suspensión de todo cargo e dereito de sufraxio durante a condena, así como a inutilización dos libros ocupados. Rudo castigo a unhas letras libres.
A Audiencia da Coruña atendeu a apelación de Curros o 11 de marzo de 1881 e revogou a sentenza do xulgado ourensán, absolvendo a Curros do delito que se lle imputaba, ao tempo que declaraba que esta causa non prexudicaba o seu bo nome e reputación e ordenaba devolver ao editor os exemplares secuestrados do libro Aires da miña terra e cancelar a fianza prestada polo procesado.
Hoxe Manuel Rivas ocupouse de actualizar o caso contra Curros á luz do nomeamento de Rouco Valera como presidente da Conferencia Episcopal e Dolores Vilavedra vindicou ao poeta e xornalista de Celanova como o noso inconformista rabudo máis universal. A ocasión era acaída, Sciascia tampouco a deixaría pasar en balde o douscentos aniversario da súa morte para evidenciar que Curros Enríquez segue vivo, moi vivo.
En 2004 Afonso Vázquez-Monxardín recompilou para o Arquivo Sonoro de Galicia os testemuños orais de Xaquín Lorenzo. Agora aboian no meu babel bibliotecario cos seus refachos de memoria e autenticidade, pescudas intelixentes nas raíces do país. «Somos un pouco afeccionados a falar de Galicia, da casa galega, da etnografía galega, do folclore galego, da historia galega; todo isto está moi ben. Pero detrás diso hai algo, que é o pobo galego. É a xente que fixo todo iso, e iso témolo un pouco esquecido e só cando un se mete a fondo ao estudo destas cousas chega a identificarse con ese pobo, co pobo de Galicia. E entón é cando un lle ve as súas grandes virtudes e os seus defectos, porque tamén os ten. E cando nós nos damos conta de que somos nós. Que temos unha personalidade, mellor ou peor, pero nosa.»
Tamén, nalgún dos seus parladoiros reflítese unha ollada atenta e actualísima do mundo en proceso de globalización. «Cando penso que hai tanta xente morrendo de fame, cando hai nacións enteiras que están na maior miseria e que se están gastando miles de millóns en armamento; cando o armamento dun só día, os gastos dun só día dunha destas nacións calquera bastaba para paliar a fame de moitos centenares de homes, síntome horrorizado precisamente porque estamos nunha época en que o mal está dominando o mundo.»
E gosto especialmente deste retrinco, un chamado a fundirse na paisaxe, sorte de camuflaxe antropolóxica e ambiental. «Eu séntome dediante dunha paisaxe. Admiro o regato que pasa aos meus pés, as árbores, o cantar dos paxariños, os montes que quedan derredor. Pero ao pouco tempo prescindo da paisaxe como tal e síntome eu parte da paisaxe. O mesmo que está alí o regato e está o paxaro e está a árbore e está o monte estou eu. Eu son parte da paisaxe. E logo vén un terceiro estadio, que dura moi pouco pero que me produce unha impresión tremenda, que é o desexo de fundirme na paisaxe, de desaparecer eu e de ser eu paisaxe. Así sinto eu a necesidade de me fundir na terra, en Galicia. Porque para nós a terra é Galicia.»
Rescatadas as voces de Xocas dos caos bibliográfico, procurolle un lugar onde non se volvan extraviar. Para regresar a elas cando pete e preste.