04/08/2009

Trindade


Hai días que a lectura do xornal teñen un innegábel poder evocador. Hoxe mesmo. Tras o repaso de novas e opinións sobre a absolución (en proceso) de Francisco Camps fun arrastrado por unha onda de agarimosa señardade ás clases de Historia Moderna coas que nos agasallaba don José Manuel Pérez García en 1982, ano triunfal de Felipe Gonzalez e do Rock and Ríos entre outras iconas sentimentais que non dan caducado. Nese ano de fin da Transición, o agarimado Pepe Pérez, home da Escola de Anais trasplantada a Compostela e para nada promarxista, encomendounos o estudo dunha obra que Louis Althusser titulou Montesquieu; la politique et l'histoire e que nos limos na delicada tradución que Ariel lle debeu a María Ester Benítez.

Sobrevivín a Althusser e o seu verbo duro e rematei a lectura convencido da pertinencia da separación de poderes ao xeito de Montesquieu. Co tempo as miñas conviccións separatistas sufriron numerosos axustes de contas a mans dunha teimuda realidade que abonda no totum revolutum de poderes e poderosos. A sentenza dos traxes, feita a medida de Francisco Camps, chégame nun momento de humorado descreimento sobre a acción independente dos poderes executivo, lexislativo e xudicial.


O tempo non pasou en balde para O espírito das leis. Hoxe a pouco que abramos os ollos mostrarásenos revelador o misterio da Santísima Trindade para explicar o xogo cómplice e a relación complicada dos Tres Poderes. O PODER (con letras grandes) é un e trino en moitos dos territorios deste magoado Estado e tampouco é cousa ir proclamando por aí que Montesquieu era un tronado que cría nos paxaros preñados e a escrupulosa segregación entre pluriempregados lexisladores, togados xuíces e traxeados gobernantes.


Pero a estas alturas, sendo tan promiscuo o revoltallo de poderes, de estar entre nós o Señor da Brède e Barón de Montesquieu de certo que estaría pensando en que paredes medianeiras ou cordóns sanitarios é urxente deliñar para evitar que a porosa división de poderes da nosa democracia se converta nun ménage à trois desvergonzado e dantesco, cando non abertamente pornográfico.


Eu daríame por contento se se implantasen algunhas normas de sentido común como as que rexen a arbitraxe futbolística. Váleme esa que impide que un colexiado pite naqueles partidos onde xogan equipos da súa demarcación territorial. Se os casos de corrupción política se sometesen a ese simple de corrección do imparcial arbitrio é moi posíbel que o 2-1 co que librou na casa Francisco Camps se puidese tornar nun 1-2. Que o xuíz competente, ademais de independente, non sexa veciño de porta con porta estou seguro que faría feliz a Montesquieu e a outros moitos demócratas clásicos.


Entrementres hai que ter fe e crer na independencia e separación dos tres poderes. Independencia e separación de decisións, bolsa e facendas que rexe escrupulosamente as relacións de Camps cos seu amiguito del alma El Bigotes e deste cos consellers que engordaban con fondos públicos as súas empresas, e por suposto dos ditos consellers co president que os nomeou, ese lanzal, elegante e honesto mártir popular que foi bautizado como Francisco Camps Ortiz.

1 comentário:

Anónimo disse...

@#$%^!!!!! Havia anos que nom lembrava o por mim nom agarimado P.P.

A respeito do revolto de poderes que padecemos, nom lembra a curiosa sentença ditada polo Trib. Supr. para Botin o do Santander segundo a qual nom podiam encausá-lo a instâncias só da acusaçom popular e que 3 meses depois virou para Atutxa exactamente em todo o contrário, que si podia ser encausado por só iniciativa da acusaçom popular. Ditado polo mesmo T.S. que ditara a de Botin.

Saudações,

A. C.