20/08/2009

Unha oposición de goberno

Ralf Dahrendorf estaba convencido de que os gobernos sen oposición son unha ameaza para a democracia. Un goberno que non enfronta un desafío eficaz por parte da oposición é moito máis dado a embarrancar na autocompracencia, na corrupción e no autoritarismo. Aos ollos da sociedade civil, unha democracia madura é aquela onde os cidadáns contan con dous tipos de axentes políticos, os mandatarios que gobernan e a oposición que quere ser goberno. Galiza aínda semella estar á procura dese logro democrático.

Exemplo dos peores augurios de Dahrendorf, Valencia tornouse, sen unha oposición parlamentaria competitiva, nunha satrapía sometida aos caprichos de Camps. Madrid ofrécese tamén como modelo dunha democracia sen controis favorecida por unha oposición de esquerda desgonzada. As eleccións europeas sinalaron que os liderados conservadores parecen ser inmunes ao labor da oposición, ás denuncias dos seus desmandos e á visualización da súa corrupción clientelar; o seu desgaste é molecular e pouco manca ás súas bases electorais. Berlusconi, coa súa política autoritaria, desacomplexada e sen ataduras, é o patrón de éxito a imitar.

En Galiza Núñez Feijóo mídese con forzas opositoras aprendidas en labores de goberno. O inicio da oitava lexislatura mostrou unha Xunta ancorada en políticas de oposición e unha oposición con acenos gobernamentais. Até agora, o gabinete Feijóo gastou máis en desmantelar os logros do Bipartito que en materializar un programa en positivo. A estampa primeira é a dun partido con mentalidade de oposición instalado no goberno e dous partidos con haberes de goberno fincados na oposición; mais cómpre desenganarse, o Partido Popular activouse xa para cancelar esta situación paradoxal.

A estratexia de anulación da oposición no Hórreo ten tres eixos: presión regulamentaria para acoutar o poder de control e iniciativa de BNG e PSdeG; uso intensivo da réplica rifante e agresiva para que o escándalo das formas empardeza as palabras; e mingua da opinión crítica coa posta en circulación dunha información parlamentaria insubstancial á que se pregan case todos os medios. O resultado é unha caricatura do Parlamento como contrapoder obstrucionista, tribuna para vocear malestares estériles e escenificar debates sen interese, reduto de políticos «ociosos» dedicados a limitar a uns gobernantes laboriosos.

Tamén nisto Berlusconi é referente e vangarda. Hai pouco acusou ao seu parlamento de ser soporte de «asembleas pletóricas que son totalmente inútiles e mesmo contraproducentes». Deslexitimación de todo instrumento de control para fixar o centro de gravidade da política no presidente e o seu equipo. Nas súas palabras: «Por vez primeira o Goberno está rexido por un emprendedor e uns ministros que parecen membros dun consello de administración pola súa eficiencia.» A Feijóo comprácelle esta idea tanto como Ruíz Rivas ou a Pilar Rojo.

No próximo período de sesións intensificarase a desvalorización do Parlamento e a apoloxía do tecnogoberno. Feijóo elixirá os media para presentar os plans de choque e iniciativas que comprometeu para antes de finalizar os cen primeiros días de goberno. A axenda mediática será usada para encorar a axenda parlamentaria por máis que esta anote no outono un debate do estado do autogoberno e a presentación do primeiro orzamento do PPdeG reinstalado na Xunta.

A PSdeG e BNG non lles bastará coa denuncia para combater o malgoberno do PPdeG. Apuntouno atinadamente Gianfranco Pasquino: «Canto ás políticas, as oposicións serán críticas cos contidos que achegue o goberno e propositivas de contidos distintos, pero tamén conciliadoras cando existan espazos de intervención, mediación, colaboración e melloras recíprocas».

Unha oposición acantoada sempre na oposición non terá maior crédito cidadán que o goberno; así, BNG e PSdeG han de medirse coa Xunta conservadora demostrando ser un goberno alternativo e ofrecendo unha política que sirva ao país e non só a unha estratexia de control do goberno; á sociedade civil prestaranlle máis as súas iniciativas lexislativas e de impulso dunha acción de goberno positiva que as súas denuncias.

1 comentário:

Manuel Ángel Candelas Colodrón disse...

Moi interesante post. Noraboa.
A habilidade do prototipo berlusco é que non nega o parlamentarismo: abusa del para levalo á náusea, que é onde el traballa máis a gusto.