A doutrina Vázquez 2.0 defínese con absoluto desprezo dos resultados electorais e da cartografía de poder real do PSdeG. O PSdeG só ten maiorías absolutas en 2 de cada 5 concellos que goberna, no resto acadou o bastón de mando como consecuencia de coalicións activas ou pasivas (cun apoio puntual do BNG ou outras forzas para non impedir a investidura do candidato socialista).
Ademais Vázquez ponlle números á «vocación de goberno maioritario» do PSdeG: sumar o 40% dos votos dos galegos. É logo dunha vocación maioritaria relativa que requirirá do apoio activo ou da pasividade opositora do BNG. Pero ademais de ser unha maioría relativa non doado logro: na convocatoria electoral autonómica de maior bonanza (1989) os socialistas galegos atinxiron o 32,7% dos sufraxios emitidos; a distancia mínima que os conservadores quitaron ao PSdeG nunca baixou de dez puntos (1981) e desde as autonómicas de 1985 o PPdeG nunca sumou menos do 40% dos votos. No mellor dos casos, a aspiración electoral de Pachi Vázquez é empatar co PPdeG
Vazquismo 2.0

Se Pachi Vázquez, se non se quere ver na lea dunha coalición de goberno cos nacionalistas, só lle quedará un camiño: acordar politicamente co Partido Popular que, tras as próximas municipais e en convocatorias electorais futuras, goberne sempre a listaxe máis votada. A aceptación do goberno da listaxe máis votada é o atallo menos doloroso para chegar a onde Vázquez, rexeitando as coalicións co BNG, conducirá ao PSdeG: ser un partido complementario pero en ningún caso alternativo ao Partido Popular de Galicia.
Dicía outro Manuel Vázquez (Montalbán) que en política ademais de imposturas hai posicións, posturas e posturiñas. Por máis voltas que lle dea Manuel Vázquez, se non se quere ver abandonado polos seus electores máis progresistas e galeguistas, ao PSdeG só lle resta unha posición –ser un partido de goberno alternativo ao PPdeG– e dúas posturas: asinar un acordo de goberno ou subscribir un pacto de lexislatura co BNG. Na Galiza electoral de hoxe e, probabelmente, na de dentro dun cuadrienio para ser alternativa de goberno ao PPdeG, o PSdeG ten que ser necesariamente un partido de coalicións. Toda outra estratexia ou vocación de goberno maioritario será unha posturiña que beneficiará á hexemonía do Partido Popular, favores polos que Feijóo xa lle pode ir anticipando grazas a Manuel Vázquez (Fernández).
Sistema político de 2 e medio

Queda por ver como se sedimenta a estratexia política do BNG respecto do PSdeG, o que é tanto como dicir como se define respecto da gobernabilidade futura do país. O distanciamento crítico do PSdeG e identificación expresa, ou baixo corda, do Partido Popular e do PSOE producirá, ao meu entender, máis mal que ben. Ademais a cousa empeorará se, ante as impotencias do labor opositor do BNG, se alimenta unha estratexia de descrédito do Parlamento e se intensifican as políticas de resistencia. A recuperación, por moito restyling verbal que haxa, do vello libro de consignas («PSOE, PP a mesma merda é!», «Parlamento Galego, parlamento de cartón!») e das «políticas do non» só servirá para, indirectamente, intensificar a xibarización bipartidista da representación política de Galiza.
Alguén ideou un oxímoron para definir o obxectivo ao que pode, nas actuais circunstancias e sempre e cando haxa melloría, aspirar o BNG: ser unha «minoría maioritaria», minoría canto ao seu peso electoral e na representación parlamentaria, maioritaria canto sexa quen de dar voz ás demandas e esixencias dunha maioría social, e moi singularmente dunha maioría cidadá que discuta a hexemonía e políticas da dereita gobernante en Galiza. Mais cómpre non enganarse non hai posibilidade ningunha de conformarse como esa minoría maioritaria se artella tamén unha estratexia colaborativa que sume maiorías de goberno alternativas ás do Partido Popular. O BNG farase minoría maioritaria procurando unha relación de cooperación vantaxosa co PSdeG, á marxe dela só lle ha de quedae ser unha minoría minorizada.
Suma cero e coopetencia

Hai uns días Fermín Bouza alertábanos sobre a aceptación mansa da hexemonia da dereita á que se entregou a «esquerda galega» tras a derrota do 1-M. Tamén apuntaba que o xogo PSdeG-BNG debía ser de suma cero de xeito que as perdas derivadas dos desacertos dun dos dous beneficiasen ao outro pero que, en ningún caso, activasen fugas de electores cara á abstención. Na situación actual a vía de fuga principal do desencanto dos votantes progresistas e galeguistas alimenta a transferencia de lealdade cara a outra opción das forzas do cambio senón que se traduce maioritariamente no abandono electoral de ambas as dúas.

Tratarse como outro calquera partido significa aceptar un terreo de relación que é o máis favorábel ao PPdeG: a oposición competindo entre si no canto de competir co goberno. Ese é exactamente o cadro de relacións sobre a que Manuel Fraga construíu o réxime de ultradominio político da dereita en Galiza.
Dirase que unha estratexia de cooperación plena entre BNG e PSdeG é unha ilusión utópica, posibelmente si, pero hai outro camiño, alguén mesmo lle inventou un palabro: coopetencia. Se BNG e PSdeG lle queren dar algún porvir a un discurso galeguista, de esquerdas e optimista co que remover os alicerces do dominio social do Partido Popular e rebater as súas políticas van ter que pensarse reciprocamente e outra volta en termos de coopetencia, nunha mestura de consenso básicos e conflitos pactados, de colaboración e competencia, de acordos programáticos troncais.
Haberá que facelo diferente, e bastante mellor, que durante a etapa do goberno bipartito onde só houbo cooperación para chegar ao poder e competencia feroz desde que se iniciou a acción de goberno. A coopetencia ha ser continua na oposición e sustentábel nos gobermos municipais que a día de hoxe se comparten, senón o único duradeiro serán os mandatos do PPdeG. Unha estratexia coopetitiva de xeito inmediato favorecerá acadar un punto de suma cero fronte á sangría abstencionista. A coopetencia é a estratexia do cluster de políticas do cambio.
Postos a innovar e a errar é mellor intentar experiencias coopetitivas que resucitar o vazquismo ou o enroque resistencialista. No peor dos casos, xa o grafitou alguén nos muros da nosa cidade global: «Por que cometer erros antigos, se há tantos erros novos a escolher?» Os dous Vázquez (Guillerme e Manuel) deberían, aproveitar o que queda de verán para darlle unha pensada a estratexia coa que pretender devolver a ilusións aos electores que noutrora apostaron polo cambio en Galiza.
2 comentários:
Moi certo Manolo. Un par de cousas:
1. A estratexia de "coopetencia" sen embargo nen sequera ten que ser explícita. Basta que cada quen se centre en facerlle oposición ao PP e en defender a acción de goberno do bipartito. Lamentabelmente na nosa casa, como vostede sinala, as cousas parecen ir por outro lado (e non apele a Guillerme que sabe ben que el non é quen manda).
2. En canto á estratexia do PSOE eu engadiría un elemento máis. A era do primeiro Vazquez baseouse xustamente na "coopetencia" pero entre PSOE e PP (Paco Vázquez e Fraga/Cuiña). O PSOE mantiña un importante dominio urbano, o PP a Xunta. Hoxe eu creo que podería reditarse pero cunha fasquía diferente, os actores son Feijoo e Blanco -que é quen manda- e os asentos intercambiabeis están en Santiago e en Madrid. Igual é un presentimento sen fundamento pero algúns indicios hai por aí...
E isto non vos parece máis ben o inicio da pinza PP+BNG ao máis puro estilo Aznar+Anguita?
Contra o que se predica no texto e co que concordo non só o PSOE senón o BNG inician estratexias contrarias que os afastan a ambos cada vez máis dunha morea de xente.
Enviar um comentário