O 1-M agasallounos cunha primavera triste, ha de ser por iso que pasei por alto unha suxestiva achega de Antoni Gutiérrez-Rubí sobre o smart power, a risa política e a política do sorriso. O seu título é, de por si, un manifesto inapelábel: «Os tristes non gañan eleccións (Nin lideran, nin seducen, nin convencen)». E desde xa é recomendábel a súa lectura en toda ocasión en que a melancolía ou o pesimismo comecen a roernos a vontade ou a ilusión. Nas súas letras faise un feliz, erudito e divertido repaso polas virtudes intelectuais da risa como «aliada natural da política emocional, a política do futuro» e como expresión do smart power.«O poder intelixente sorrí, non ameaza», salienta Antoni Gutiérrez-Rubí. O riso non é precisamente un punto forte do noso Quinto Presidente nin da súa amigábel administración. Unha carencia que nos enche de esperanzas. O seu «galeguismo cordial» ten unha expresión reprobatoria e severa que constitúe unha emenda a totalidade das súas palabras. Feijóo é un galeguista cordial que cada vez que ten ocasión de dirixirse aos galeguistas/nacionalistas/progresistas nos rifa. O seu é un «galeguismo cordial» amenazador, entregado a un hard power que trabuca convicción con autoritarismo.
Queremos novos argumentos para enfortecer o desexo e vontade de políticas do cambio en Galiza. Aquí teñen un de Gutiérrez-Rubí:
Estou convencido de que os tristes non gañan eleccións. Nin son capaces de liderar emocións positivas (sen as cales non hai proxectos, nin comunidade, nin esperanza). Tampouco a tristeza pode seducir nin infundir ánimos colectivos. Os que cren que é posíbel un proxecto político transformador e progresista desde a cultura do pésimo, do tráxico, do feo (do serio, do adusto, do severo) non se dan conta de que o concepto «canto peor, mellor» é o núcleo psicolóxico e cultural dos pensamentos autoritarios, que ceban o desánimo e o desacougo, para canalizala como raiba agresiva e ameazante.Gutiérrez-Rubi recupera tamén unhas declaracións de Jaume Sanllorente, fundador da ONG Sorrisos de Bombai, que salienta que «un sorriso é o primeiro paso para a liberdade». Por aí debemos (re)comezar para enfrontar a tristura emocional e a súa irmá inseparábel, o aburrimento intelectual. A oposición, os resistentes e os disidentes para recuperar a iniciativa política necesitan, necesitamos, do concurso da política do sorriso e da gargallada fraternal, tamén do humor e a retranca. Unha oposición irada é unha oposición derrotada. Un goberno amargado é un goberno vulnerábel.



















