31/08/2009

O editor valente


Xosé Luís Barreiro Rivas, na coda do seu eloxio das verdades reveladas polo señor Herst do Sabón, retruca o sabido «unha cousa é predicar e outra dar trigo» facendo valer a súa experiencia e sentenza: «Pódolles confirmar que en Galiza é máis difícil dicir as cousas que facelas». Aí radica a fortaleza moral do noso Herst e a esencia do seu xornalismo libre: dicir a verdade, entregarse eticamente a unha verdade cangada de riscos e perigos, máis aínda para un home que carece de medios para defender as súas opinións, desvalido e vulnerábel como o editor e presidente de La Voz de Galicia. David contra Goliath.

Barreiro Rivas ademais ten razón cando di que en Galiza é máis difícil dicir as cousas, as verdades ou as políticas necesarias, que, despois, levalas á práctica. Pero hai unha cousa aínda moito máis difícil: que La Voz de Galicia as publique, nas follas amarelas do noso Berlusconi é imposíbel publicar calquera verdade que non axude ao Partido do Poderosos. Falarán as pedras pero é practicamente imposíbel que as súas declaracións teñan reflexo no papel dos caprichos do editor valente. Á intelixencia de Barreiro Rivas cómprenlle mellores causas que aplaudir o imperio da impostura que goberna don Santiago Rey Fernández Latorre.

30/08/2009

A voz da mentira

Inicio do novo curso político: Folla de ruta do noso Berlusconi, titor de gobernantes, voz dos poderosos. A mafía da fraude, o ovo da serpe. A derrota da intelixencia. A mordaza dun país. A voz da mentira, o eco dos seus negocios.

Tags reais













Tags da candidez




Prognóstico 2000

Peneirando en Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega, dou cun prognóstico que Xesús Alonso Montero recupera de entre os apéndices de Os anos escuros de Xosé Luís Franco Grande. Cronometra case catro décadas, titúlase «Proxecto de constitución dunha editorial galega» e vaticina:
Se se quer que a nosa lingua –e todo o que con ela vai– non desapareza para o ano 2000, é indispensable establecer un circuíto co tipo de poboación que vai predominar decontado: o vilego (cidadán) de «clase media», ou «obreiro consciente», xa pouco ligado ao agro, con estudos de «formación xeral básica», con sensibilidade para os temas socio-políticos, atento ás modas e prestixios. A experiencia ata agora [é] que este tipo de home desertou en masa do galego. Se non se conquire evitar isto en diante, a causa da lingua galega­ –e o que con iso vai­– é unha causa perdida.
Esta previsión evoca outras como a de John Berger sobre a desaparición do campesiñado en Europa por volta do ano 2005; o calendario non as certifica pero para todos é unha evidencia de que en ambos os dous casos estamos vivindo unha xenerosa prórroga e que galegofalantes e campesiños compartimos a mesma condición de sobreviventes. Zafamos da data terminal de 2000, certo, pero aquí seguimos case coa mesma formulación dese noso maldito problema e moitísimo menos tempo de reacción.

29/08/2009

Galiza non é...

«Galiza non é nacionalista, maioritariamente.» Non vaia ser o demo, Feijóo repite a sentenza como un mantra salvífico, un infalíbel remedio para liberar a mente do fluxo constante de pensamentos que a confunden. Cal era a pregunta? Querían saber se Galiza aspiraba a un nivel de autogoberno homologábel ao de Cataluña. A ben entender: como Galiza non é nacionalista (maioritariamente) non debe aspirar a máximos de autogoberno. Feijóo avoga por unha «vía galega propia». A vía quietista. Quietos parados até que as máis altas autoridades se pronuncien, sexa o TC, sexa Mariano Rajoy.

A Núñez Feijóo pérdeo a súa condición de dobre presidente, de presidente da Xunta e de presidente do PPdeG. O primeiro está obrigado a xestionar as aspiracións máximas de Galiza, o segundo imponlle un autogoberno mínimo. O primeiro foi elixido, o segundo é quen manda. A «vía galega propia» para ser tal ten que aspirar inequivocamente a un Estatuto, competencial e financeiramente, comparábel ao de Cataluña.

A vía do PPdeG é o minimalismo e a afirmación ideolóxica de que Galiza non é nacionalista, maioritariamente.
E que é Galiza, maioritariamente? Case nada grazas a ter un goberno que, ademais de mínimo e quietista, é tamén irresoluto. O sermón do pai António Vieira acáelle ben á xestión diaria da Administración Feijóo:
A peste do governo é a irresolução. Está parado o que havia de correr, está suspenso o que havia de voar, porque não atamos nem desatamos.
Arrandeado polo coro que certifica a banalidade dunha mellora do autogoberno para enfrontar os auténticos retos de Galiza, aínda se lle axusta moito máis estoutro sermón, resumo do seu xeito de gobernar fachendeando do abandono das súas responsabilidades:
Nós somos o que fazemos. O que não se faz não existe. Portanto, só existimos nos dias em que fazemos. Nos dias em que não fazemos apenas duramos.
Temos un goberno galego que dura moito máis do que existe. Pero lembren: «Galiza non é nacionalista, maioritariamente. E co presidente Feijóo leva camiño de non ser case nada.

28/08/2009

Non parece pero é

Ten engado cos xornalistas dos medios exteriores. Cos de aquí ten cargos de nómina ou subvencións. Hai unha semana, en Público rendéuselle Jesús Miguel Marcos: «Alberto Núñez Feijóo, o flamante novo temoeiro de Galiza, non parece do PP.» Afeita a retina aos conservadores pre-constitucional de Pujalte e Zaplana ou aos liberais antidemocráticos como Aguirre ou Camps, explícase a xentileza e o cándido extravío.

De Toro inspeccionou xa a alquimia do experimento Feijóo para rexistralo entre a «dereita nihilista». Antonte Anxo Guerreiro lembrounos a perspectiva longa coa que se move e ponlle deberes: «Se Feijóo aspira, como parece, a liderar no futuro a dereita española e a dirixir un partido moderno ha de enfrontarse a outro gran dilema: encartarse á actual deriva política do PP ou romper amarras coa involución aznarista de Rajoy». De momento segue en wait and see e atende con mansedume ás prioridades e desacougos marianistas.

O ecosistema político de Galiza acubilla moitas variedades de dereita, democrática e nada democrática, pero os engaiolados xornalistas con praza na capital poden estar seguros de que Feijóo non é o modelo de dereita progresista ningunha, el é a emerxente e novísima dereita, o prototipo do Partido Popular 4.0, versión aggiornata do parademocrático PP 1.0 de Fraga, do exitoso neocon 2.0 de Aznar e do abaneante 3.0 de Rajoy; un híbrido de todos e a superación de ningún.

27/08/2009

Prioridades

A política como ensaio de prioridades obriga a elixir o futuro desexábel ao que se lle quere dar materialidade no presente. Vitor Hugo sostiña que saber exactamente que parte do futuro pode ser introducida no presente era o segredo de todo bo goberno. Para subliñar a súa autoridade suprema, Mariano Rajoy aproveitou (extensamente) os micrófonos da Radio Galega para avaliar se Alberto Núñez Feijóo estaba facendo ben os seus deberes gobernamentais. Aprobouno con nota.

Como todo dirixente ten que ter prioridades, don Mariano sinalou os novos deberes ao presidente galego: «A prioridade é a crise nun momento tan delicado e a outra prioridade a medio ou longo prazo é a educación.» Tamén apuntou unha parte de futuro que non debe ser introducida no presente: o Novo Estatuto de Galiza. Sentenciou: «Eu non me opoño, pero non é a prioridade hoxe, a prioridade é a crise.» Non hai perigo, Feijóo é un firme partidario de adialo até que o Tribunal Constitucional santifique co seu cuño que é tolerábel no Estatut. Sobre o padrón catalán, mais cun par de tallas menos, deseñarase o autogoberno de Galiza, cando toque e deus mediante.

Seguido ao autor de Os miserábeis pode concluírse que a clave dun mal goberno é o seu empeño en impoñer no presente as solucións caducadas do pasado. Nesa onda traballa o TC e con esa intencionalidade presentou o Partido Popular o seu recurso de inconstitucionalidade. Á transposición de pasado como solución de futuro dedica unha boa parte dos seus esforzos o consello de administración que preside Núñez Feijóo.

Para os heraldos conservadores pedir un «adianto de futuro» é sairse da orde natural.

Se o futuro é a perdición, a salvación ha de estar nas orixes, non é de estrañar, logo, que para o Partido Popular, como escribiu Karl Krauss, «a orixe é a meta». Non por iso produce menos abraio albiscar cal é a orixe que revindica unha facción da dereita mediática coa que se entende Rajoy. Hai pasados e pasados ben pasados e, se non me cren, activen o seu arrepío ante a futurista visión política que abandeira Agapito Maestro:
O proceso de desintegración [de España], que comezou coa aprobación dunha das Constitucións máis perversas que deu a historia de Europa, a do 78 español, terminou o mesmo día que se aprobou o Estatuto de Cataluña.
ou perante a renovada mestría do capataz dos peóns negros, Luis del Pino:
Todo o golpe de réxime que estamos a sufrir pivota ao redor do Estatuto catalán, para aprobar o cal se están incumprindo até as normas máis elementais de procedemento.
Con estes arrolos mediáticos, Rajoy elixe futuro e fixa prioridades, entrementres Feijóo toma nota.

26/08/2009

Cataluña postautonómica

Activouse a conta atrás. A sentenza do Tribunal Constitucional respecto do Estatut semella que entra, non sen tempo, na súa recta final. Aínda está por decidir se se corta o cabo azul ou o vermello pero esténdese o temor a un demoledor estoupido. Un fallo de inconstitucionalidade dinamitará o Título preliminar estatutario poñendo en cuestión a nación catalá, a obrigatoriedade de coñecer a lingua propia, o recoñecemento de «dereitos históricos» e a primacía institucional dos «símbolos nacionais» de Cataluña. E terá tamén efectos colaterais negativos sobre o seu marco de exclusividade competencial e os criterios basais do financiamento.

Cunha sentenza negativa estalará, en definitiva, a trabe mestra do novo marco de autogoberno de Cataluña e crebaranse adicionalmente as relacións Cataluña-Estado cun saldo de maior inestabilidade para o goberno de Rodríguez Zapatero. Tras a nova e delirante ondada de catalanofobía que aviveceu o PP co pretexto do financiamento, é case inevitábel que non se reforce na sociedade catalá o polo soberanista nin que non se agrande o afastamento de intereses entre o PSC e o PSOE.


O malestar non se limitará só a Cataluña. A resolución do TC fixará o teito dos chamados Estatutos de segunda xeración. Unha ruda ortopedia ou a amputación do texto catalán ameaza con rebaixar a altura política dos segundos estatutos até a cota dos primeiros. Tras a laminación do Plan Ibarretxe, os nacionalistas vascos serán novamente persuadidos de que se dentro da Constitución non hai solucións de avance, o camiño haberá que procuralo fóra. En Galiza, a sentenza terá un impacto igualmente negativo, será unha magnífica coartada para que Feijóo reedite un rebaixado Estatuto do 81 como ecosistema do autogoberno galego posíbel, necesario e desexábel.


Con este estado de cousas, o escenario máis optimista é unha crise institucional e de lexitimidades de preocupante calado e imprevisíbeis consecuencias. Do naufraxio do Estatut o PP só tirará beneficios, a súa posición minorizada e case anti-sistema en Cataluña fai desprezábel calquera castigo electoral por causa da chapoda estatutaria. Mais alén diso, representará un estímulo suicida da estratexia de crispación e do «todo vale para chegar a Moncloa» que xestiona actualmente o Partido Popular.

No cadro grande do Estado, os principais da comunicación conservadora apuntaríanse unha vitoria esmagadora e un triunfante recurso de inconstitucionalidade validará ao Partido Popular como única forza política maior que vela pola unidade de España. Serviralles ademais para cargar as tinturas no carácter ilexítimo do goberno Zapatero.
Hai uns días, Luis del Pino, un dos máis activos voceiros da peonada negra do PP, fixou posición: «España está inmersa, desde o 11 de marzo de 2004, nun proceso ilegal e ilexítimo de destrución da Constitución do 78». Para del Pino, o Estatut de Cataluña é unha das principais cuñas que fende a ordenación constitucional.

De producirse unha lectura regresiva aos partidos cataláns quédalles pouca marxe para unha estratexia alternativa e dáse por descontada unha resposta unitaria das forzas implicadas no goberno e na aprobación do Estatut. O seu Plan B pasa por afirmar a lexitimidade do Estatut sobre a base da súa aprobación no Parlament e no seu (frouxo) referendo cidadá e abrirá a porta a desobediencia civil co desenvolvemento por libre de políticas soberanas. A esa autodeterminación de feito, Joan Ridao xa lle puxo etiqueta cando dixo que coa Cataluña terá que entrar na esfera postautonomista.

Estratexicamente ás forzas catalanistas asistiralles ademais a forza dunha evidencia: o Estatut leva dous anos en vigor sen que se teña producido cataclismo ningún, a normalidade e normalización do novo cadro do autogoberno é plena, as súas consecuencias desestabilizadoras inexistentes. A sentenza negativa dun pouco estimado Tribunal Constitucional non solucionará problema ningún e creará algúns novos de arriscados resultados. Por iso son moitos os que confían en que, finalmente, ditarase unha resolución ambigua que, quitando e dando razóns a todos, terá impactos políticos de baixa intensidade.


Se os suicidas se impoñen no TC hai pouca dúbida de que Cataluña abrirá unha vía postautonómica e de que España entrará nunha calella posconstitucional. Ante o abismo que cartografaría unha resolución dura de inconstitucionalidade, a grande esperanza é que os suicidas sexan vencidos polos covardes, a quen Ambroise Bierce definiu como aquelas persoas aos que o instinto de conservación aínda lle funciona con normalidade.

24/08/2009

Think tank

Tamén ter un grandioso think tank para isto...



Rebote de Escolar.net.

21/08/2009

Tempos veloces

Usain Bolt é a figura do día e, sobre todo, a icona maior dos nosos tempos. Zygmunt Bauman caracterizou a modernidade como «tempo líquido» para diferencialo radicalmente das formas, hábitos e institucións sólidas do pasado pero tamén para remarcar a súa ruptura cun mundo (basicamente) en repouso ou (timidamente) arrastrado por un cambio tranquilo. Bolt recortase na acordanza da miña infancia cando a velocidade desorbitada era patrimonio exclusivo de seres animados como Speedy Gonzales ou Correcamiños; tamén se imprensiona, en contratipo, na señardade dunha fin de século na que Sabina aínda cantaba a «estes tempos veloces como un cadillac sen freos» e Mach 5 era unha utopía hipersónica.

Agora xa estamos seducidos por Mach 7 e gobérnannos as tecnoloxías da velocidade, son a resposta adaptativa á vertixinosa onda de transformacións científicas, económicas, sociais e culturais que nos pautan a vida. Tempos líquidos nun mundo de redes que fan do intercambio e, máis que nada, da rapidez dos intercambios –de información, coñecementos, enerxía, capitais...– a pedra angular das estratexia de triunfo. Bolt está con nós para lembrarnos que o éxito se cifra na velocidade, non na constancia. O triunfo cífrase, exactamente, en 9,58 e 19,19. Desde Bolt non hai nada tan sólido na nosa vida como a velocidade.

20/08/2009

Unha oposición de goberno

Ralf Dahrendorf estaba convencido de que os gobernos sen oposición son unha ameaza para a democracia. Un goberno que non enfronta un desafío eficaz por parte da oposición é moito máis dado a embarrancar na autocompracencia, na corrupción e no autoritarismo. Aos ollos da sociedade civil, unha democracia madura é aquela onde os cidadáns contan con dous tipos de axentes políticos, os mandatarios que gobernan e a oposición que quere ser goberno. Galiza aínda semella estar á procura dese logro democrático.

Exemplo dos peores augurios de Dahrendorf, Valencia tornouse, sen unha oposición parlamentaria competitiva, nunha satrapía sometida aos caprichos de Camps. Madrid ofrécese tamén como modelo dunha democracia sen controis favorecida por unha oposición de esquerda desgonzada. As eleccións europeas sinalaron que os liderados conservadores parecen ser inmunes ao labor da oposición, ás denuncias dos seus desmandos e á visualización da súa corrupción clientelar; o seu desgaste é molecular e pouco manca ás súas bases electorais. Berlusconi, coa súa política autoritaria, desacomplexada e sen ataduras, é o patrón de éxito a imitar.

En Galiza Núñez Feijóo mídese con forzas opositoras aprendidas en labores de goberno. O inicio da oitava lexislatura mostrou unha Xunta ancorada en políticas de oposición e unha oposición con acenos gobernamentais. Até agora, o gabinete Feijóo gastou máis en desmantelar os logros do Bipartito que en materializar un programa en positivo. A estampa primeira é a dun partido con mentalidade de oposición instalado no goberno e dous partidos con haberes de goberno fincados na oposición; mais cómpre desenganarse, o Partido Popular activouse xa para cancelar esta situación paradoxal.

A estratexia de anulación da oposición no Hórreo ten tres eixos: presión regulamentaria para acoutar o poder de control e iniciativa de BNG e PSdeG; uso intensivo da réplica rifante e agresiva para que o escándalo das formas empardeza as palabras; e mingua da opinión crítica coa posta en circulación dunha información parlamentaria insubstancial á que se pregan case todos os medios. O resultado é unha caricatura do Parlamento como contrapoder obstrucionista, tribuna para vocear malestares estériles e escenificar debates sen interese, reduto de políticos «ociosos» dedicados a limitar a uns gobernantes laboriosos.

Tamén nisto Berlusconi é referente e vangarda. Hai pouco acusou ao seu parlamento de ser soporte de «asembleas pletóricas que son totalmente inútiles e mesmo contraproducentes». Deslexitimación de todo instrumento de control para fixar o centro de gravidade da política no presidente e o seu equipo. Nas súas palabras: «Por vez primeira o Goberno está rexido por un emprendedor e uns ministros que parecen membros dun consello de administración pola súa eficiencia.» A Feijóo comprácelle esta idea tanto como Ruíz Rivas ou a Pilar Rojo.

No próximo período de sesións intensificarase a desvalorización do Parlamento e a apoloxía do tecnogoberno. Feijóo elixirá os media para presentar os plans de choque e iniciativas que comprometeu para antes de finalizar os cen primeiros días de goberno. A axenda mediática será usada para encorar a axenda parlamentaria por máis que esta anote no outono un debate do estado do autogoberno e a presentación do primeiro orzamento do PPdeG reinstalado na Xunta.

A PSdeG e BNG non lles bastará coa denuncia para combater o malgoberno do PPdeG. Apuntouno atinadamente Gianfranco Pasquino: «Canto ás políticas, as oposicións serán críticas cos contidos que achegue o goberno e propositivas de contidos distintos, pero tamén conciliadoras cando existan espazos de intervención, mediación, colaboración e melloras recíprocas».

Unha oposición acantoada sempre na oposición non terá maior crédito cidadán que o goberno; así, BNG e PSdeG han de medirse coa Xunta conservadora demostrando ser un goberno alternativo e ofrecendo unha política que sirva ao país e non só a unha estratexia de control do goberno; á sociedade civil prestaranlle máis as súas iniciativas lexislativas e de impulso dunha acción de goberno positiva que as súas denuncias.

17/08/2009

Xornalismo durminte

Estou empatado ás crónicas e ao blog de Ramón Lobo. Préstame a súa ollada sobre Afganistán e as condicións nas que fan o seu traballo os xornalistas e reporteiros gráficos. Non abundan os heroes nas redaccións e os que practican o xornalismo extremo non adoitan ser compracentes coas etiquetas épicas nin coas narracións belicosas, si cunha aceda profesionalidade e coa descrenza nas grandes palabras, instalado nese código libre escribe Ramón Lobo. En calquera caso no oficio non hai un único libro de estilo e a entrevista de La Vanguardia a Andrea Busfield é ilustrativa das varianzas.

Andrea Busfield aterrou en Afganistán en 2001. Traballou, primeiro, para o sensacionalista News of the World que a deixou facer porque non agardaban dela «unha análise seria da realidade». Ficou engaiolada por aquel país de «xente valente, hospitalaria e encantadora». Desde aquela tivo encomendas diversas até que fichou en 2005 como vicedirectora de Sada e Azadi (A Voz da Liberdade), un xornal fundado pola OTAN que se dedica, segundo as súas palabras, «á propaganda da reconstrución».

Na entrevista, Ima Sanchís dálle un par de voltas de torca para saber a súa opinión sobre a existencia de cárceres secretas norteamericanas en Afganistán, a punta do iceberg doutras violacións dos dereitos humanos denunciadas por Amnistía Internacional. Busfield di non saber nada, nin quere saber: «No meu traballo xornalístico os cárceres secretos non estaban na axenda. Traballando para a OTAN o último que vou facer é cubrir unha historia que dea unha visión negativa do que están a facer.»

Andrea Busfield promociona estes días a súa primeira novela, Baixo un millón de sombras, na que confesa que quere reflectir «o agarimo, o amor, o sentido do humor dos afgáns», o «lado positivo» de Afganistán, un continuo literario do que sospeito que debeu ser o seu labor informativo en A Voz da Liberdade: a construción dun mundo illado da barbarie que o envolve.

Hai moitos séculos que Heráclito insistiu en que os que dormen habitan mundo separados, mentres que os que están espertos, moran no mesmo. No país dos afgáns, e aquí, hai que arrimarse á información dos xornalistas que están espertos e, mellor aínda, dos que sofren insomnio; son os únicos que partillan a vida coas vítimas e queren saber deles.

14/08/2009

As bolsas de Saviano

Supoño que Manuel Rivas segue á procura do maletín de Walter Benjamin. A valixa errante que se perdeu tras o seu destino final en Portbou. Na súa alma gardaba os tesouros do exiliado. Extraviouse. Conservabamos, non obstante, o currículo que Benjamin mandou, en xullo de 1934, ao Comité Danés de Axuda aos Refuxiados. O seu SOS rexistra os labores e méritos que vai punteando co desacougo dos fuxitivos.

Nas primeiras liñas anota: «Os trastornos políticos non só me arrebataron dun golpe a base da miña existencia como escritor e investigador independente, senón que ademais, aínda que son disidente e non pertenzo a ningún partido, puxeron en cuestión a seguridade da miña liberdade persoal.» O seu inventario de bens é mínimo: «Non teño fortuna ningunha; a miña única propiedade é unha pequena biblioteca de traballo.»


En Público atopo traducidas algunhas confesións abatidas coas que Roberto Saviano se sincerou a The Times. A voz da canseira do salmón que non ten nacente onde ir. O éxito de Gomorra como maldición e condena a morte. Vivir entre seguridades prestadas por alleos, baixo a custodia do medo. A señardade da vida simple e o agarimo das amizades. Non hai camiño cara ao benestar primeiro. Sábeo: a fuxida non pode ter raíces.


Saviano encarta a súa vida nómade en tres bolsas. Unha para roupas e calzados. Outra para os tarecos do aseo e a farmacopea. Unha máis para os libros, o computador e os seus papeis. Abeiro. Saúde. Saber. A morriña dos días que te sabías libre, a equipaxe como nación, a vida ameazada que cabe na biblioteca mínima e na maleta de Walter Benjamin. A confianza fráxil en que o seu compás non o deite nun Portbou sen horizonte.

13/08/2009

Mariano Liberal

Para non comprometerse na lea da fusión das caixas de aforro galegas Rajoy tirou de etiqueta. Definiuse como «liberal de verdade», dixo que se ía gardar de intervir ou opinar e que os políticos «non deben entrar en asuntos que non lle competen». Que sexa don Mariano o apóstolo da non inxerencia do poder político nos asuntos das caixas é un exercicio de cinismo que fai burla das hemerotecas. Cada vez que o presidente do PP bota a lingua a pacer, fai rogativas para que os cidadáns teñan a memoria dos peixes. A batalla polo control de Caja Madrid protagonizada por Aguirre e Gallardón, sen dúbida ningunha, hai que encaixala na política de neutralidade do Partido Popular nos mercados financeiros. Neutralidade exquisita, absolutamente liberal.

Mariano Rajoy non é un liberal, é un (neo)conservador. E, como nos lembrou Robert Nisbet, non hai principio máis fundamental na filosofía conservadora que o da incompatibilidade absoluta entre liberdade e igualdade. Alguén dixo con sarcasmo que os conservadores son os liberais que lle teñen pánico á igualdade. Nesa onda sintoniza a inmensa maioría do Partido Popular que condena calquera forma de igualdade sexa para poder competir nos mercados, para usar a lingua propia, para acceder á todo servizo de benestar ou, mesmo, para render contas diante da lei e dos xuíces. «Todos somos iguais pero un somos máis iguais que outros» resume o credo dos paleo e dos neo conservadores.


Rajoy non é un liberal de verdade, é un liberal de coña. En rigor, é un avantaxista que segundo a súa comenencia fai uso, ou esmaga impiamente, unha ou outra liberdade pero que sacrifica sempre a máis mínima igualdade de oportunidades. O seu é un infraliberalismo darwinista que argumenta a pasividade nos mercados porque é a mellor fórmula para que impoña o imperio dos máis fortes, das grandes corporacións. Seguindo a súa particular teoloxía política, Mariano Rajoy proclama sempre a súa vocación polos máis poderosos. Cando un dos seus podentes amigos financeiros ou empresariais estea en perigo de crash teremos ocasión de ver en que queda o seu neutralismo. Daquela Mariano Liberal cruzará os dedos e confiará en que os peixes non nos lembremos de nada. Non sabe el canto nos gustaría a algúns poder borralo da nosa memoria xunto con todas as súas trapalladas doutrinais.

11/08/2009

Vazquismo 2.0 e outros erros

Mariola Moreno pregunta pola relación co BNG e Manuel Vázquez, secretario xeral do PSdeG, exercendo do duro Clint Eastwood, camúflase na indiferenza: «A mesma que con calquera outro partido. Somos unha formación con vocación de goberno maioritario.» A xornalista de Público quere saber se hai marxe para reeditar o bipartito e recibe unha rotunda negativa: «Non haberá máis bipartitos» e, de agasallo, unha declaración de principios gratuíta: «O PSdeG non é partido de coalicións.» Da nova doutrina Vázquez tírase unha conclusión terribelmente desalentadora: con semellante estratexia o Partido Popular empoleirarase durante unha boa tempada no goberno de Galiza.

A doutrina Vázquez 2.0 defínese con absoluto desprezo dos resultados electorais e da cartografía de poder real do PSdeG. O PSdeG só ten maiorías absolutas en 2 de cada 5 concellos que goberna, no resto acadou o bastón de mando como consecuencia de coalicións activas ou pasivas (cun apoio puntual do BNG ou outras forzas para non impedir a investidura do candidato socialista).

Ademais Vázquez ponlle números á «vocación de goberno maioritario» do PSdeG: sumar o 40% dos votos dos galegos. É logo dunha vocación maioritaria relativa que requirirá do apoio activo ou da pasividade opositora do BNG. Pero ademais de ser unha maioría relativa non doado logro: na convocatoria electoral autonómica de maior bonanza (1989) os socialistas galegos atinxiron o 32,7% dos sufraxios emitidos; a distancia mínima que os conservadores quitaron ao PSdeG nunca baixou de dez puntos (1981) e desde as autonómicas de 1985 o PPdeG nunca sumou menos do 40% dos votos. No mellor dos casos, a aspiración electoral de Pachi Vázquez é empatar co PPdeG

Vazquismo 2.0

A doutrina de (Manuel) Vázquez comparte ADN estratéxico coa doutrina de (Francisco) Vázquez coa que se tornou ao PSdeG nunha acomodada e lealísima oposición ao PPdeG na primeira andaina da era Fraga. Con toda certeza, a doutrina Vázquez 2.0 non lle dará ao PSdeG maiores beneficios que a doutrina Vázquez 1.0 que, negándose por activa e por pasiva a calquera acordo co BNG engordaba estratexicamente o goberno da candidatura máis votada.

Se Pachi Vázquez, se non se quere ver na lea dunha coalición de goberno cos nacionalistas, só lle quedará un camiño: acordar politicamente co Partido Popular que, tras as próximas municipais e en convocatorias electorais futuras, goberne sempre a listaxe máis votada. A aceptación do goberno da listaxe máis votada é o atallo menos doloroso para chegar a onde Vázquez, rexeitando as coalicións co BNG, conducirá ao PSdeG: ser un partido complementario pero en ningún caso alternativo ao Partido Popular de Galicia.

Dicía outro Manuel Vázquez (Montalbán) que en política ademais de imposturas hai posicións, posturas e posturiñas. Por máis voltas que lle dea Manuel Vázquez, se non se quere ver abandonado polos seus electores máis progresistas e galeguistas, ao PSdeG só lle resta unha posición ­–ser un partido de goberno alternativo ao PPdeG– e dúas posturas: asinar un acordo de goberno ou subscribir un pacto de lexislatura co BNG. Na Galiza electoral de hoxe e, probabelmente, na de dentro dun cuadrienio para ser alternativa de goberno ao PPdeG, o PSdeG ten que ser necesariamente un partido de coalicións. Toda outra estratexia ou vocación de goberno maioritario será unha posturiña que beneficiará á hexemonía do Partido Popular, favores polos que Feijóo xa lle pode ir anticipando grazas a Manuel Vázquez (Fernández).

Sistema político de 2 e medio

A dificultosa situación política do BNG alenta a tentación de redeseñar o sistema de partidos galego cunha fórmula bipartidista máis plena. Unha nova recaída electoral do BNG nas vindeiras municipais deixaría o campo aberto para limitar o xogo a dúas forzas políticas: unha consolidada como goberno (PPdeG) e outra confirmada como oposición (PSdeG) á espera dunha demorada alternancia. O resultado final sería un sistema de partidos na esfera autonómica de 2 e medio, onde o BNG representaría unha elección marxinal e sen posibilidade ningunha de condicionar maiorías de goberno. En máis de cinco lustros de devir do noso autogoberno a sopa de letras partidaria reduciuse radicalmente e non é logo de estrañar que moitos soñen con ver encaixado ao BNG nun papel político semellante ao que lle corresponde a IU no cadro do Estado.

Queda por ver como se sedimenta a estratexia política do BNG respecto do PSdeG, o que é tanto como dicir como se define respecto da gobernabilidade futura do país. O distanciamento crítico do PSdeG e identificación expresa, ou baixo corda, do Partido Popular e do PSOE producirá, ao meu entender, máis mal que ben. Ademais a cousa empeorará se, ante as impotencias do labor opositor do BNG, se alimenta unha estratexia de descrédito do Parlamento e se intensifican as políticas de resistencia. A recuperación, por moito restyling verbal que haxa, do vello libro de consignas («PSOE, PP a mesma merda é!», «Parlamento Galego, parlamento de cartón!») e das «políticas do non» só servirá para, indirectamente, intensificar a xibarización bipartidista da representación política de Galiza.

Alguén ideou un oxímoron para definir o obxectivo ao que pode, nas actuais circunstancias e sempre e cando haxa melloría, aspirar o BNG: ser unha «minoría maioritaria», minoría canto ao seu peso electoral e na representación parlamentaria, maioritaria canto sexa quen de dar voz ás demandas e esixencias dunha maioría social, e moi singularmente dunha maioría cidadá que discuta a hexemonía e políticas da dereita gobernante en Galiza. Mais cómpre non enganarse non hai posibilidade ningunha de conformarse como esa minoría maioritaria se artella tamén unha estratexia colaborativa que sume maiorías de goberno alternativas ás do Partido Popular. O BNG farase minoría maioritaria procurando unha relación de cooperación vantaxosa co PSdeG, á marxe dela só lle ha de quedae ser unha minoría minorizada.


Suma cero e coopetencia

A PSdeG e BNG calquera política que non os sinale como socios estratéxicos os levará, máis pronto que tarde a ser, respectivamente, un partido complemento e a unha alternativa minorizada. Agochar vergoñentamente o seu paso polo goberno tampouco axudará a súa recuperación electoral. A desmemoria do goberno bipartito e das súas políticas de cambio (limitado e mesmo fallido en moito ámbitos) traballan en favor do imaxinario do Partido Popular como única alternativa de goberno factíbel. A esa política desmemorizada entregouse con abandono suicida o PSdeG tras a derrota do goberno tripartito en 1989. O BNG semella hoxe está aqueixado tamén dunha sorte de alzheimer voluntario. A vindicación da acción de goberno compartida e saberse partidos de goberno na oposición é, ao meu entender, parte dunha estratexia intelixente para non aceptar unha fabricación artificial da hexemonía do PPdeG.

Hai uns días Fermín Bouza alertábanos sobre a aceptación mansa da hexemonia da dereita á que se entregou a «esquerda galega» tras a derrota do 1-M. Tamén apuntaba que o xogo PSdeG-BNG debía ser de suma cero de xeito que as perdas derivadas dos desacertos dun dos dous beneficiasen ao outro pero que, en ningún caso, activasen fugas de electores cara á abstención. Na situación actual a vía de fuga principal do desencanto dos votantes progresistas e galeguistas alimenta a transferencia de lealdade cara a outra opción das forzas do cambio senón que se traduce maioritariamente no abandono electoral de ambas as dúas.

O punto de suma cero, «onde se perde votos un teñan que ir ao outro», do que fala Fermin Bouza non é posíbel sen que BNG e PSdeG se asuman como «socios estratéxicos», non valen relación indiferentes como se tratase de «calquera outro partido». Cando Manuel Vázquez di que a relación do PSdeG co BNG é semellante a que manteñen con calquera outro partido, homologa ao BNG co PPdeG, ese outro partido ao que se lle quere discutir a súa hexemonía e goberno. A vía é outra asociarse ao xeito dun cluster de forzas para o cambio político, social e económico en Galiza.

Tratarse como outro calquera partido significa aceptar un terreo de relación que é o máis favorábel ao PPdeG: a oposición competindo entre si no canto de competir co goberno. Ese é exactamente o cadro de relacións sobre a que Manuel Fraga construíu o réxime de ultradominio político da dereita en Galiza.

Dirase que unha estratexia de cooperación plena entre BNG e PSdeG é unha ilusión utópica, posibelmente si, pero hai outro camiño, alguén mesmo lle inventou un palabro: coopetencia. Se BNG e PSdeG lle queren dar algún porvir a un discurso galeguista, de esquerdas e optimista co que remover os alicerces do dominio social do Partido Popular e rebater as súas políticas van ter que pensarse reciprocamente e outra volta en termos de coopetencia, nunha mestura de consenso básicos e conflitos pactados, de colaboración e competencia, de acordos programáticos troncais.

Haberá que facelo diferente, e bastante mellor, que durante a etapa do goberno bipartito onde só houbo cooperación para chegar ao poder e competencia feroz desde que se iniciou a acción de goberno. A coopetencia ha ser continua na oposición e sustentábel nos gobermos municipais que a día de hoxe se comparten, senón o único duradeiro serán os mandatos do PPdeG. Unha estratexia coopetitiva de xeito inmediato favorecerá acadar un punto de suma cero fronte á sangría abstencionista. A coopetencia é a estratexia do cluster de políticas do cambio.

Postos a innovar e a errar é mellor intentar experiencias coopetitivas que resucitar o vazquismo ou o enroque resistencialista. No peor dos casos, xa o grafitou alguén nos muros da nosa cidade global: «Por que cometer erros antigos, se há tantos erros novos a escolher?» Os dous Vázquez (Guillerme e Manuel) deberían, aproveitar o que queda de verán para darlle unha pensada a estratexia coa que pretender devolver a ilusións aos electores que noutrora apostaron polo cambio en Galiza.

08/08/2009

Reforma? Revolución?

«Está xogándose un papel na historia. Se consegue endereitar o barco, será lembrado como o temoeiro das grandes reformas. Pero se non se engancha ao relanzamento, corre o risco de inmobilizar España nas lameiras dun estancamento que empardecerá tamén as luces da súa revolución social». Quen escribe é Gianni Perrelli, colaborador de L’Expresso. Grandes reformas? Revolución social? Ás veces os xornalistas gastan grandes palabras para definir realidades políticas mínimas e minimalistas. Noutrora, o propio Perrelli referiuse a España como «laboratorio social de vangarda». Hai bastante tempo que o «largocaballerismo» de Rodríguez Zapatero se diluíu en socialiberalismo.

Visto desde a Italia de Berlusconi quizais a súa política de evocacións republicanas nos poña na vangarda, mesmo é posíbel a súa evanescente xestións da continuidade podan ser exportadas como «grandes reformas» e tamén que, fronte á dereita retrógada do PP ou da CEOE, o seu cambio livián poda interpretarse como un convite á revolución social. Que o crean os italianos que len L’Expresso é unha fabulación menor de inofensivas consecuencias. Que o crean os comunicólogos da Moncloa, e o reseñen no seu boletín de prensa internacional, é un malfadado síntoma de que imos camiño de que o espellismo substitúa definitivamente o principio de realidade. Haberá que volver ler Reforma ou revolución para aclararse as ideas.

07/08/2009

En salvaxe compañía

Cando don Santiago, pastoreador de opinións e preceptor de gobernantes, fixo públicas as cualificacións do primeiro trimestre, unha onda de satisfacción asolagou Monte Pío e dona Sira asentiu satisfeita, o neno opositor, agora no goberno, estáo facendo esplendidamente ben. Un notábel alto. Con todo, a esixente avaliación de Mr. Hearst de Sabón indicaba dúas materias nas que Núñez Feijóo tiña que ser máis espelido: a derrogación do decreto do galego no ensino non universitario e a cancelación do concurso eólico.

Alberto está aplicándose no mes de agosto, xa invalidou a concesión eólica e, se Jesús Vázquez non se dorme baixo os efectos da opiácea enquisa, na próxima avaliación ha de quitar sobresaínte. A matrícula de honra só se obtén deixando a Cidade da Cultura a monte e iso sería montala parda, pero quizais mellorando nota con traballos voluntarios e desinteresados, por outros iniciados e continuados en exercicios anteriores, poda ter un excelso dez de dez.

Hai tempo que don Santiago abandonou a doutrina du Guesclin (a do «Nin quito nin poño rei pero axudo ao meu señor.»), tras descubrir que el mesmo era o Señor Rey. O Movemento 1 de Marzo débello case todo e ao noso Berlusconi gústalle que lle rendan contas, obediencia e reverencia. Quen o trata di que é mandón e abusador. A quen quere escoitalo fai saber que a súa Voz pon e quita presidentes na Xunta de Galicia. Alberto debería coidarse del e alguén debería dicirlle a dona Sira que o fillo anda con malas compañas. Sabidos quedan.

06/08/2009

Cordialidade popular

Róeme a curiosidade. De que falarán os mandatarios populares nos macroeventos que organizan para maior gloria mediática de Mariano Rajoy? Fóra das mágoas do cargo, da saúde da familia e das fortunas dos amigos comúns, de que parolan nos relanzos e nos descansos? Á parte de rexoubar sobre as desgrazas de contraditores e opositores, é de supor que han de dedicarse ao «Tú, ¿cómo te lo montas?», ou menos coloquialmente, a compartir sabedorías sobre a gobernanza eficaz e as súas boas prácticas. Na sobremesa baixo o fume dos habanos de Mariano Feliz seguro que non se fala doutra cousa.

O noso triunfante Alberto Núñez Feijóo, con toda certeza, ha ser centro de interesadas audiencias xa que, nestes últimos cen días, son moitos os prodixios que bendiciron a terra dos galegos. Vivimos nun país en proceso de transformación marabillada grazas á política de cordialidade coa que o noso Quinto Presidente fai ortopedia e auditoría das malas prácticas do goberno precedente. E aínda lle queda tempo para facer revista da nosa memoria colectiva.

Castelao reloaded

O seu revisionismo histórico é tan importante como a súa acción de goberno amigábel. Aí teñen a mutación de Castelao que de nacionalista e republicano federalista pasou a ser un galeguista de rexional preferente. O noso admirado presidente non só emenda os seus escasos erros senón que corrixe con ben os cometidos por outros na historia pasada.

Os desvaríos do Sempre en Galiza están sendo sometidos a unha rigorosa corrección de probas e Castelao será axiña rehabilitado con todos os honores. Pasaron os tempos extraviados daquel «Castelao é noso» e hoxe ninguén discute que, de vivir, o de Rianxo sería seareiro ou mesmo utilleiro ideolóxico de Núñez Feijóo.

Transposición cordial

No centro da gobernanza eficaz e das boas prácticas de Feijóo e Rueda está a súa política de cordialidade. O amortecemento da tensión política á que está entregado o Partido Popular é unha consecuencia feliz da meteórica ascensión do novo presidente de Galiza. Feijóo é un home persuasivo e o seu galeguismo cordial é unha marca que pode ser clonada con éxito en calquera feudo do Partido Popular.

A tronante advertencia de Feijóo para descodificar o galeguismo e a galeguidade como «reduto selectivo ou unha distinción que algúns reparten con avaricia» aínda non prosperou moito na Comunidade Valenciana pero rematará por impoñerse como a auga de Valencia, outro enxeño dun galego.

Á diferenza da galeguidade que é de libre acceso, a valencianidade é unha identidade de excelencia que se adquire por nacemento, por doazón xenerosa do presidentraxe Camps ou por exame. Nestes días a planetaria Leire Pajín resístese a someterse a un chequeo público da súa valencianidade, innovador requirimento para ser senadora da Comunidade Campista. Ninguén se explica a súa renuencia a facer o exame selectivo. É ben doado de aprobar, o amigo Bigotes pasouno sen problema ningún.

Pajín pode afogar o seu medo escénico e facer a proba selectiva, ou agardar a que Feijóo persuada a Camps dos beneficios da tradución do «galeguismo cordial» ao «valencianismo amigábel». Non tardará Alberto, Castelao caeu ante o seu engado na primeira tirada.

05/08/2009

Enquisa macguffi

Fermín Bouza debullou a razón dos números da Consulta Feijóo, Bragado reflexionou mesuradamente sobre os efectos directos e colaterais negativos da ruptura do consenso de fomento do galego no ámbito educativo, Cesare destilou unha paixonal catarse á súa costa, e, cos seus calcetíns, Rubén Ruibal revelou o sentido último da Consulta Feijóo. A min todo o caso, cada día que pasa, imítame máis a un macguffi da escola Hitchcock. Un caricaturesco macguffin xa que as grandes decisións de política lingüística do novo goberno e do Partido Popular fixáronse con moita anterioridade á realización de tan grandiosa consulta democrática.

Hitchcock ideou o «macguffin» como un elemento para alentar o suspense e facer progresar a trama narrativa das súas películas, non era máis que unha escusa argumental que propiciaba o desenvolvemento dunha historia pero que carecía de toda relevancia por si mesmo. A Consulta Feijóo revélase como un grotesco macguffin válido unicamente para facer avanzar o argumento lingüístico do Partido Popular que non é substancialmente diferente do que contrabandea Galicia Bilingüe para formatear Galiza como unha comunidade monolingüe en castelán.

Sobre o asunto escribo en «Disparando aos reloxos» coa intención de salientar que a Segunda Modernización de Galiza que abandeira Alberto Núñez Feijóo, en termos de normalización lingüística tradúcese na cancelación do mandato normalizador das nosas institucións de autogoberno, encomenda asumida noutros tempos mesmo pola banda dereita do noso país. A novidade radical da política de Feijóo é a renuncia da Xunta a xogar ningún papel activo como garante fundamental da igualdade de condicións de uso da lingua galega.

Pierre Manent, un liberal dos de verdade, definiu a democracia como o movemento político e social cara a unha igualdade de condicións sempre maior. A consulta e a estratexia que a abeira é unha fraude (anti)democrática absoluta, nin garantirá liberdade ningunha de elección lingüística nin asegurará a igualdade de trato xurídico nin de oportunidades de uso para a lingua galega.

Enfrontámonos a un poderoso movemento antidemocrático e nestas condicións de desnormalización non hai marxe de esperanza ningunha para soñar unha igualdade de resultados entre as dúas linguas existentes na nosa comunidade. A estratexia de bilingüismo formal do Partido Popular encamíñanos cara a un monolingüismo castelán de xeito irremediábel, esa é a solución final á que aspira o black block que lidera Gloria Lago.

Unha lectura cándida das intencións do Partido Popular insiste en que a consulta é un instrumento máis nunha «estratexia de bordo do abismo» destinada a disuadir aos máis fervorosos partidarios da normalización do galego facendo visíbel a potencia dos sectores cidadáns abducidos polo monolingüismo en castelán. O virtuoso termo medio que quere para si Núñez Feijóo é o cancelamento da presenza paritaria de galego e castelán no ensino non universitario, un abaixamento normalizador para tranquilizar á barra brava de Galicia Bilingüe.

Asomados ao bordo do precipicio monolingüe castelán, ao Partido Popular antóllaselle que aos sectores galeguistas máis mornos non lle quedará máis que a mansa acomodación a un agónico «pouco é máis que nada». É posíbel que á voz solista de Anxo Lorenzo axiña se una unha coral polifónica de medidos posibilismos. Sospeito que poucos logros saíran dos seus esforzos vocais. Perante a estratexia do bordo do abismo que anima Feijóo e Vázquez, cómpre lembrar o consello de Michel de Montaigne: «Á beira dun precipicio só hai unha maneira de andar para ao fronte; dar un paso atrás.» A súa estratexia non é invencíbel pero non será aquela caste de posibilismo acomodado quen os faga recuar.

04/08/2009

Trindade


Hai días que a lectura do xornal teñen un innegábel poder evocador. Hoxe mesmo. Tras o repaso de novas e opinións sobre a absolución (en proceso) de Francisco Camps fun arrastrado por unha onda de agarimosa señardade ás clases de Historia Moderna coas que nos agasallaba don José Manuel Pérez García en 1982, ano triunfal de Felipe Gonzalez e do Rock and Ríos entre outras iconas sentimentais que non dan caducado. Nese ano de fin da Transición, o agarimado Pepe Pérez, home da Escola de Anais trasplantada a Compostela e para nada promarxista, encomendounos o estudo dunha obra que Louis Althusser titulou Montesquieu; la politique et l'histoire e que nos limos na delicada tradución que Ariel lle debeu a María Ester Benítez.

Sobrevivín a Althusser e o seu verbo duro e rematei a lectura convencido da pertinencia da separación de poderes ao xeito de Montesquieu. Co tempo as miñas conviccións separatistas sufriron numerosos axustes de contas a mans dunha teimuda realidade que abonda no totum revolutum de poderes e poderosos. A sentenza dos traxes, feita a medida de Francisco Camps, chégame nun momento de humorado descreimento sobre a acción independente dos poderes executivo, lexislativo e xudicial.


O tempo non pasou en balde para O espírito das leis. Hoxe a pouco que abramos os ollos mostrarásenos revelador o misterio da Santísima Trindade para explicar o xogo cómplice e a relación complicada dos Tres Poderes. O PODER (con letras grandes) é un e trino en moitos dos territorios deste magoado Estado e tampouco é cousa ir proclamando por aí que Montesquieu era un tronado que cría nos paxaros preñados e a escrupulosa segregación entre pluriempregados lexisladores, togados xuíces e traxeados gobernantes.


Pero a estas alturas, sendo tan promiscuo o revoltallo de poderes, de estar entre nós o Señor da Brède e Barón de Montesquieu de certo que estaría pensando en que paredes medianeiras ou cordóns sanitarios é urxente deliñar para evitar que a porosa división de poderes da nosa democracia se converta nun ménage à trois desvergonzado e dantesco, cando non abertamente pornográfico.


Eu daríame por contento se se implantasen algunhas normas de sentido común como as que rexen a arbitraxe futbolística. Váleme esa que impide que un colexiado pite naqueles partidos onde xogan equipos da súa demarcación territorial. Se os casos de corrupción política se sometesen a ese simple de corrección do imparcial arbitrio é moi posíbel que o 2-1 co que librou na casa Francisco Camps se puidese tornar nun 1-2. Que o xuíz competente, ademais de independente, non sexa veciño de porta con porta estou seguro que faría feliz a Montesquieu e a outros moitos demócratas clásicos.


Entrementres hai que ter fe e crer na independencia e separación dos tres poderes. Independencia e separación de decisións, bolsa e facendas que rexe escrupulosamente as relacións de Camps cos seu amiguito del alma El Bigotes e deste cos consellers que engordaban con fondos públicos as súas empresas, e por suposto dos ditos consellers co president que os nomeou, ese lanzal, elegante e honesto mártir popular que foi bautizado como Francisco Camps Ortiz.